O rapeiro galego Hugo Guezeta relanza a súa carreira en solitario tras a separación do seu grupo SonDaRúa con “O Noso Tempo”, primeiro sinxelo do que será o seu primeiro álbum de longa duración, previsto para saír á luz a finais deste ano 2024. O artista escolle o significativo Día das Letras Galegas para adiantar a que será a súa nova era musical, mantendo a súa xa intrínseca reivindicación social baixo unhas tinguiduras moito máis persoais.

“O Noso Tempo” é unha canción que desata a faceta máis persoal de Hugo, destacando a súa pausa para coller folgos e a súa ilusión de cara ao futuro. Este primeiro adianto segue mantendo a base de reivindicación e crítica social que leva marcando toda a carreira do rapeiro, pero abre o seu proxecto cara novos ritmos e temáticas. Hugo recolle así o relevo da súa maqueta “A dignidade non se merca” (2016) e do seu EP “1991” para continuar coa súa carreira. Nel, o rapeiro mergullarase en sons máis frescos e bailables, sen perder de vista á súa esencia.

Este novo traballo está producido e gravado xunto con Peter Petrowski, o produtor artífice dalgúns dos seus temas máis coñecidos e dalgúns dos grandes himnos de SonDaRúa. “O Noso Tempo” é unha nova mostra de que a conexión entre Hugo Guezeta e Peter Petrowski é máxima, conformando unha dupla destinada ao éxito musical, feito que intentarán deixar patente no disco de longa duración de Hugo Guezeta que sairá a finais deste ano 2024. Nos próximos meses poderemos gozar dos seguintes adiantos deste álbum, así como a confirmación das primeiras datas da súa xira en solitario.

Este 2024 quedará marcado para a escena da música galega pola volta dun dos seus grandes baluartes. Volta o mellor rap en galego da man de Hugo Guezeta.