O terceiro adianto do novo disco de Hugo Guezeta ve a luz hoxe baixo o nome de “De Volta”. Tras “O Noso Tempo” e “Feridas”, o rapeiro galego fai público o novo sinxelo o seu primeiro álbum de longa duración, que verá a luz a finais deste ano. Neste nova canción, Hugo amosa de novo a súa versatilidade cunha base de ritmo rockeiro pero tranquilo, no que o mc deixa patente todas as súas dotes líricas, con rapeos tranquilos pero moi contundentes sobre a instrumental de Peter Petrowski, que conta con guitarras de Arón Ferreiro.
“De Volta” é a representación persoal do egotrip e o rap contestatario de Hugo Guezeta, no que deixa claro que agora si que está de volta para quedar. Este tema posiciónase como outro paso adiante na consolidación da carreira en solista tras a separación do seu grupo SonDaRúa dun dos grandes referentes do hip hop en galego. Fai escasas semanas o artista de Ponteareas publicou as primeiras datas do que será a súa xira de presentación do seu novo disco, confirmando as tres primeiras datas en decembro deste mesmo ano (14 de decembro na Sala Rebullón de Mos, 19 de decembro na sala Mardi Gras da Coruña e 21 de decembro na sala Sónar de Santiago de Compostela) dun tour que se alongará por todo o ano 2025.
O videoclip que acompaña ao tema foi realizado por DanyMaffilms, Filmmaker de Tui emigrado en Países baixos, e gravado entre Tilburg e Bruxelas, nunha das viaxes do artista galego para desconectar a nivel vital e reconectar a nivel musical. A produción do vídeo, acompañado do ritmo calmado das guitarras do tema, conseguen esa sensación desenfadada que busca Hugo, e que contrasta coas letras punzantes.