GO PUBLICA UN DOS TEMAS MÁIS CONTUNDENTES DA SÚA CARREIRA MUSICAL

Baixo unha introdución a cargo da súa avoa Teresa de Balbina, Hugo Guezeta lanza o que xa pode ser considerado como un dos temas máis contundentes da súa extensa carreira. “Espertei” é xa o sexto adianto do seu próximo disco, primeiro de longa duración da súa carreira en solitario, e que verá a luz a finais de ano. Baixo a pretensión de dar un golpe enriba da mesa, Hugo confirma por que é un dos mellores letristas do panorama galego e toda unha referencia no seu xénero, cunha letra que profundiza no sentimento de superar os bloqueos, pasar por riba do “síndrome do impostor” e saír dese “sono” no que estamos sumidos a nivel persoal e como xeración, impoñéndonos con forza e sacando a enerxía que temos dentro. Este lanzamento é a reivindicación de que Hugo está de volta con máis forza que nunca, disposto a comerse o panorama a base de grandes letras e melodías pegañentas.

Tras publicar os adiantos de “O Noso Tempo”, “Feridas”, “De Volta”, “Cantare” (xunto ás rapeiras Nadie González e Temible Olivina) e “A Toleira”, Hugo Guezeta lanza “Espertar”, a súa consagración como un dos mellores e máis contundentes letristas da escena actual. Cunha base que integra o rap e a electrónica producida por Peter Petrowski, artífice da produción de todo este novo disco de Hugo, e unhas guitarras introducidas por Arón Ferreiro, guitarrista de grupos como Keixa ou Errantes, conforman o son máis potente e enérxico lanzado polo rapeiro, que empasta á perfección coa temática da letra e a cadencia do seu rapeo.

O tema ve a luz xunto cun videoclip gravado por Daniel Pérez (Malraio Audiovisual) na sala Rebullón de Mos. Con este novo tema, que exercerá de apertura potente e enérxica tanto do álbum como do directo, perfila o que será a súa nova etapa, cun novo disco que verá a luz a finais deste ano e que presentará en directo nunha xira que xa conta coas súas tres primeiras datas confirmadas. O 12 de decembro Hugo abrirá a xira na Sala Rebullón (Mos), para continuar o 19 dese mesmo mes na Sala Mardi Gras (A Coruña) e o 21 na Sala Sónar (Santiago de Compostela). As entradas xa están á venda en enterticket.es.

PRIMEIRAS DATAS DA XIRA “O NOSO TEMPO”

14/12 · SALA REBULLÓN · MOS · ENTRADAS

19/12 · SALA MARDI GRAS · A CORUÑA · ENTRADAS

21/12 · SALA SÓNAR · SANTIAGO DE COMPOSTELA · ENTRADAS

X