Hugo Guezeta ábrese por completo para presentar o seu novo sinxelo “A Toleira”, o quinto adianto do que será o seu primeiro disco de longa duración, que verá a luz nos próximos meses. Baixo a temática dun amor que non remata de encaixar, Hugo afonda dentro dun intimismo do que adoita deixar pequenas mostras, pero co que nunca se adentrara tanto como nesta canción.
Tras publicar os adiantos de “O Noso Tempo”, “Feridas”, “De Volta” e “Cantare”, esta última coa colaboración das rapeiras Nadie González e Temible Olivina, o rapeiro galego lanza “A Toleira”, unha canción máis suave e melódica baixo a produción de Peter Petrowski, artífice na produción de todos os adiantos ata agora publicados por Hugo, así como o disco que verá a luz antes de finais deste ano 2024. Nesta novo adianto, Hugo volve a contar coas guitarras de Arón Ferreiro, guitarrista de grupos como Keixa ou Errantes. A pesar de que o tema naceu dende a melodía e a base para posteriormente incorporar a letra, o tema pedía meter guitarras melódicas, e Arón e Petrowski empastaron á perfección para aportarlle ao tema un novo son que o mellorou.
O tema ve a luz xunto cun video lyrics feito polo mesmo Peter Petrowski, encargado tamén de realizar a portada. Con este novo tema, baseado nas inquedanzas persoais e en querer evadirnos na nosa vida cando se complican as relacións amorosas, perfila o que será o seu novo disco, que presentará en directo nunha xira que xa conta coas súas tres primeiras datas confirmadas. O 12 de decembro Hugo abrirá a xira en Mos (Sala Rebullón), para continuar o 19 dese mesmo mes na Coruña (Sala Mardi Gras) e o 21 en Santiago de Compostela (Sala Sónar). As entradas xa están á venda en enterticket.es.
PRIMEIRAS DATAS DA XIRA “O NOSO TEMPO”
14/12 · SALA REBULLÓN · MOS · ENTRADAS
19/12 · SALA MARDI GRAS · A CORUÑA · ENTRADAS
21/12 · SALA SÓNAR · SANTIAGO DE COMPOSTELA · ENTRADAS