Baixo a reivindicación de que chegou a hora de espertar do soño no que estamos sumidos nace ‘O Noso Tempo’, o primeiro disco de Hugo Guezeta que ve a luz hoxe en todas as plataformas. Este álbum é un berro a toda unha xeración que vive sumida nun estado de letargo, e á que apela directamente mediante as súas letras para rachar con eses bloqueos que nos impiden avanzar como sociedade e “espertar”.
Con 14 cancións e artistas colaborando da talla de Dakidarría, Nadie González, Temible Olivina, Peter Petrowski ou o regreso nunha única canción do seu antigo grupo SonDaRúa, Hugo Guezeta propón un álbum de rap moi versátil, xogando con distintos estilos e adaptándose a bases moi diferentes. Como un seguinte paso na súa evolución musical, ‘O Noso Tempo’ destaca polo seu carácter máis intimista nas súas letras, sen perder o foco reivindicativo que leva marcando a carreira de Hugo.
O labor como produtor de Peter Petrowski, un dos máis destacados da escena galega actual, é fundamental dentro do disco. Desta conexión nace un disco que reflicte as preocupacións internas proxectadas a través da música, nun ton máis reflexivo, pero con contrastes eclécticos e versátiles no musical. Un golpe enriba da mesa para reivindicar que Hugo é un dos referentes da escena actual.
A pre-venda para conseguir o disco en formato físico, que conta co deseño de Iago Comedeiro, xa está aberta, e todo aquel que adquira O Noso Tempo na páxina web de Inquedanzas Sonoras ou nos puntos de venda físicos habilitados pola tenda antes do 4 de decembro recibirán o seu exemplar asinado a man polo rapeiro.
TRACKLIST
- Espertar (Introdución)
- De Volta
- O Noso Tempo
- Dispara ft SonDaRúa
- A Toleira
- Arder ft Dakidarría
- Meiodía (Interludio)
- Outra vez
- Bum Bum!
- Non Te Creo ft Peter Petrowski
- Cantare ft Temible Olivina e Nadie González
- Feridas
- Queimar A Cidade
- Sono (Outro)