O RAPEIRO ESTREARÁ A CANCIÓN EN DIRECTO NO CONCERTO DA FIN DE XIRA “O NOSO TEMPO”
TERÁ LUGAR O PRÓXIMO SÁBADO 24 DE OUTUBRO NA SALA CAPITOL, CON ENTRADAS Á VENDA EN ENTERTICKET.ES

O rapeiro galego Hugo Guezeta fai canción ao gardamenta do Celta de Vigo, Andrei Radu, estreando o seu rap Radu Radu. O rumano comeza a ser unha das figuras máis queridas e carismáticas do conxunto olívico, e non pasou desapercibido para o artista ponteareán. Cun tema que mestura os sons balcánicos con cadencias de trap, Hugo Guezeta presenta un novo himno para que os seareiros celtistas poidan festexar nesta tempada 2026/2027, que está a piques de comezar, as paradas salvadoras do xogador rumano.
Radu Radu xestouse tras unha conversa entre o rapeiro e a súa avoa, onde o instou a facerlle unha canción a Iago Aspas. O de Ponteareas é un gran afeccionado celtista, pero sentía que a lenda celeste ía ter xa suficientes homenaxes na súa tempada de despedida, polo que optou por decantarse cara un perfil máis carismático, Andrei Ionut Radu. O tema busca representar ao gardamenta, apelando ao seu sentimento celtista, pero tamén ao seu característico ton humorístico. Desta maneira, Hugo Guezeta xunta as súas grandes paixóns, a música e o equipo da súa vida.
O tema foi presentado este pasado mércores no Salón Regio de A Sede, nun acto conducido por Víctor López, xornalista e narrador do Celta en Radio Galega, no que estiveron presentes o propio rapeiro ponteareán, Peter Petrowski, produtor do tema e IzanMG, director do videoclip. Alí presentaron ante medio centenar de asistentes o videoclip da canción, gravado na súa maior parte no estadio de Balaídos. A nivel visual, o rapeiro buscou contar a historia de superación de Radu, combinando imaxes que representaban á súa figura cando era neno, xogando con amizades, para rematar sobre o céspede de Balaídos. O vídeo oficial contou tamén coa participación de seareiros do clube olívico, buscando incorporar, na medida do posible, o sentimento celtista.
CONCERTO FIN DE XIRA “O NOSO TEMPO”
Hugo Guezeta presentará este tema en directo culminando a súa etapa de O Noso Tempo cun concerto especial de fin de xira que terá lugar na sala Capitol de Santiago de Compostela o próximo 24 de outubro. Unha noite única na que o rapeiro contará con moitas sorpresas e bandas convidadas que se irán desvelando proximamente. O concerto adquire un matiz moi especial se temos en conta que a sala Capitol foi a encargada de ver despedirse á súa anterior banda, SonDaRúa, cun sold out que espera repetir neste 2026 en solitario. As entradas están á venda xa en enterticket.es.
