Os Premios Martín Códax da Música veñen de anunciar os proxectos finalistas da súa edición de 2025. Entre eles, destaca o nomeamento dos artistas de PlayPlan Hugo Guezeta e Sabela, como finalistas nas categorías de Músicas Urbanas e Pop e Indie respectivamente. Os premios contan co voto popular para delimitar o 50% do resultado, podendo exercer dende o xoves 8 de maio ao domingo 25 de maio, ambos incluídos, dende a páxina web https://premiosmartincodaxdamusica.gal/. A gala de entrega de premios terá lugar no Pazo de Congresos de Pontevedra o mércores 28 de maio.

Estes nomeamentos chegan despois dun ano 2024 e un comezo de 2025 moi prolífico para Hugo e Sabela. Co lanzamento do disco O Noso Tempo, cunha gran recepción por parte de público e programadores, e o comezo da súa xira, facendo sold out en tres das primeiras datas, Hugo Guezeta está marcando o paso da música urbana galega. Pola súa parte, Sabela vén de rematar con éxito dúas grandes xiras por salas de toda España e Galicia, así como de presentar cunha gran acollida os primeiros adiantos do seu próximo EP, que ten previsto ver a luz durante este ano.