ESTE SINXELO SUPÓN A UNIÓN DE DÚAS DAS GRANDES FIGURAS DA MÚSICA EN GALEGO DA ACTUALIDADE
Colisionando estilos de música moi diferentes, como o rap característico de Hugo Guezeta e a canción de autora contemporánea de Guadi Galego, ve a luz Equilibrar, o novo sinxelo en colaboración de dúas das grandes figuras da música en galego actual. Baixo unha atmosfera de melancolía, Hugo e Guadi cantan a mellorar o presenten botando man das lembranzas do pasado, nunha canción moi melódica que mestura dúas voces e dous timbres moi distantes que rematan por empastar e conxeniar á perfección.
En palabras do rapeiro: “foi todo un pracer e un orgullo gravar cunha referente. Fíxome unha ilusión tremenda que aceptara a proposta, e máis coa predisposición a axudar, aportar ideas e involucrarse no tema que tivo”. Ao cargo da produción do tema estivo o xa inseparable produtor Peter Petrowski, que leva traballando no proxecto xunto a Hugo dende esta volta en solitario do rapeiro. A maiores, Arón Ferreiro (AROI) aporta novamente as súas xa características guitarras, que tanto aportan musicalmente ás novas cancións de Hugo.
Pola súa parte, Guadi destaca que traballar con Hugo, Pedro e Arón foi unha experiencia moi frutífera. Asegura que todo foi con espírito colaborativo dende o principio e que admira moito a Hugo e a súa sensibilidade coa vida e a música.
Equilibrar ven acompañado dun videoclip dirixido por Adrián Diaño, artífice de videoclips como O Noso Tempo, finalista a Mellor Canción da Galiza nos Premios aRi[t]mar, onde rematou na terceira posición. O vídeo, gravado entre Vigo, Ponteareas e o barco que cruza a Ría de Vigo cara a Cangas, conta cunha forte carga simbólica a nivel visual, onde os actores lembran o seu pasado dunha maneira moi melancólica.
Este novo tema, xunto co lanzamento do sinxelo 100 Frases do EP de versión acústicas que publicou fai escasas semanas, supón a constatación da versatilidade do rapeiro, que está experimentando un desenvolvemento exponencial do seu proxecto. Fai escasos días, de feito, foi nomeado como finalista nos Premios Martín Códax da Música na categoría de Músicas Urbanas, amosando así a súa posición de referente dentro do seu eido, e acreditando o seu bo facer dende a súa volta en solitario. Tras encher tres das primeiras datas de presentación do seu novo disco, Hugo está inmerso na súa xira de 2025. As próximas datas para poder ver ao rapeiro en directo serán o 17 de maio en Ferrol (Centro Social Artábria), 6 de xuño en Redondela (Festival Millo Verde), 4 de xullo en Ponteareas (Rock in Río Tea), durante o 5 e 6 de setembro en Salvaterra de Miño (Festival da Poesía no Condado), durante o 11 ao 14 de setembro en Vilaxoán (Festival Revenidas) e o 4 e 5 de outubro en Silleda (Festival Murallón de Son).
XIRA O NOSO TEMPO
17/05 · Centro Social Artábria · Ferrol
06/06 · Millo Verde · Redondela
04/07 · Rock in Río Tea · Ponteareas
05-06/09 · Festival da Poesía no Condado · Salvaterra de Miño
11-14/09 · Revenidas · Vilaxoán
04-05/10 · Murallón de Son · Silleda
HUGO GUEZETA
Hugo Guezeta é un dos maiores representantes do rap en Galicia. Grazas ao éxito colleitado coas súas cancións, que supuxeron e supoñen o himno dalgunhas xeracións de galegos, o rapeiro figura no imaxinario colectivo como unhas das figuras máis significativas deste xénero. A súa carreira en solitario é o seguinte paso na carreira do artista tras SonDaRúa, grupo do que formaba parte e era unha das cabezas visibles, e que é considerado un dos grandes grupos de rap da historia de Galicia.
As súas marcadas letras cun alto carácter reivindicativo son grandes marcas de identidade a nivel social. Como letrista, Hugo é un dos mellores compositores do panorama actual, sendo clara influencia das novas xeracións de rapeiros que están xurdindo neste auxe da música en galego. Mais non só destaca polas súas letras, a súa capacidade de fluír sobre as bases e a súa capacidade para moverse dende ritmos de hip hop máis clásicos ata melodías de reggae posicionan ao artista como un dos artistas máis completos e versátiles do movemento urbano.
O éxito como rapeiro é intrínseco a Hugo Guezeta, xa que tras acumular grandes concertos, premios e fans baixo o paraugas de SonDaRúa, o seu proxecto en solitario non perdeu forza en ningún momento. O seu último álbum O Noso Tempo acumula centos de milleiros de reproducións en plataformas tras só dous meses publicado, confirmando que a pesar de saír no último mes do 2024, o seu foi un dos discos en galego máis destacados e importantes do ano.
Actualmente, e tras o enorme éxito nos concertos de presentación do disco, con tres dos concertos esgotando entradas, Hugo emprende a súa xira de 2025, onde deixará constancia da súa capacidade e versatilidade como rapeiro, trasladando o seu bo facer no estudo ás salas e festivais. Sen dúbidas, Hugo Guezeta é e será un dos grandes nomes a destacar do panorama urbano neste 2025.
GUADI GALEGO
É unha das artistas máis relevantes da escena musical galega das últimas décadas. A súa andaina musical comezou sendo ela moi nova, un camiño fiado especialmente a Berrogüeto como vocalista, pianista e gaiteira, e que, co tempo, deu paso a outros proxectos máis persoais, como Espido ou Nordestin@s.
No 2009 inicia a súa carreira en solitario con Benzón. Logo chegarían os exitosos Lúas de Outubro e Agosto (con éxitos indiscutibles como ‘Chea de vida’ ou ‘Matriarcas’), O mundo está parado, Inmersión, Costuras ou o máis recente Roibén (2022), LP que presentou en diferentes puntos da xeografía peninsular. Logo dunha simbólica ausencia nos escenarios do país, a artista presentou no 2024 Síntese Horizonte, unha aposta da propia Guadi pola evolución do seu son, pois con cada disco, e con cada espectáculo, foi aprendendo a desaprender o establecido. Tras máis dun ano xirando, Guadi Galego despedirá Síntese Horinzonte cun concerto de fin de xira na Sala Capitol o 25 de outubro.
