ESTE TEMA É O ÚLTIMO ADIANTO DO NOVO DISCO DE LONGA DURACIÓN DE HUGO GUEZETA, O NOSO TEMPO, QUE VERÁ A LUZ MOI PRONTO

Hugo Guezeta e Dakidarría unen forzas e publican sen previo aviso Arder, o último sinxelo antes da publicación do álbum de Hugo, O Noso Tempo. Ante a inminente data de lanzamento do seu primeiro disco de longa duración, o rapeiro e Dakidarría revelan a súa tan ansiada colaboración. Este sinxelo será a antesala ao anuncio de O Noso Tempo, e postula a ser un dos grandes temas do mesmo.

Despois de moitas colaboración presenciais en concertos, Hugo e Dakidarría entraron de novo ao estudio para dar vida a Arder, un tema que combina á perfección o reggae tan característico tanto en Hugo como na banda de Nigrán, co rock, tan presente na carreira de Dakidarría. Por suposto, o eixe da colaboración xira arredor das reivindicacións sociais tan intrínsecas en ambos artistas, deixando así un xunte moi orgánico e cómodo para ambos. Baixo o concepto de ver o mundo arder para renacer desas cinzas, esta canción é xa o sétimo adianto do que será o primeiro disco de longa duración de Hugo Guezeta.

Arder está producido por Peter Petrwoski con arranxos de P. Leyenda, e conta coa letra e as voces de Hugo Guezeta, Gabri Reigosa e do propio P. Leyenda. Destaca tamén a participación na guitarra de Iñaki Fernández e no trombón de Paula López.Ademais, o tema ven acompañado dun videoclip gravado tanto na Praia de Patos como en Carpintería Recording Studio, o estudio de gravación de Dakidarría, ambos situados en Nigrán. A dirección ven da man de Adrián Dianho, co que Hugo xa traballou nos seus videoclips de O Noso Tempo e Cantare, adiantos tamén deste novo disco do rapeiro galego.

O álbum, que verá a luz moi pronto, conta ademais con tres datas de presentación xa anunciadas, que terán lugar o 14 de decembro na Sala Rebullón (Mos), o 19 de decembro na Sala Mardi Gras (A Coruña) e o 21 de decembro na Sala Sónar (Santiago de Compostela). A data na Sala Rebullón, ademais de ser o primeiro concerto en solitario desta etapa, será un concerto especial no que haberá moitas sorpresas e colaboracións, e servirá para dar a saída a unha xira que se espallará por todo 2025.

DATAS DE PRESENTACIÓN DE O NOSO TEMPO

14/12 · SALA REBULLÓN · MOS · ENTRADAS

19/12 · SALA MARDI GRAS · A CORUÑA · ENTRADAS

21/12 · SALA SÓNAR · SANTIAGO DE COMPOSTELA · ENTRADAS