A proposta do grupo Tanxugueiras para levar mellor o confinamento á hora do aperitivo, o Tanxuvermú, comeza este luns a súa segunda e definitiva semana, que incorpora ao seu cartel os nomes de Guadi Galego, Pilar García Rego e os youtubeiros O Aquele e Olaxonmario.
Desde o pasado sábado 28 as pandereteiras levan a cabo unha serie de conversas abertas ao público a través da canle www.youtube.com/tanxugueiras (a canle oficial do grupo en Youtube) con artistas, xornalistas e axentes vinculados ao mundo cultural e musical. Estes encontros virtuais teñen lugar á hora do aperitivo, contra ás 13.00 horas, e dan pé a unha conversa na que se aborda, dun xeito distendido e próximo, unha situación excepcional. Ao longo deste encontro, de media hora de duración, as pandereteiras e os seus convidados achegan como están a vivir estes días, á vez que realizan xogos con letras tradicionais, propoñen actuacións ao vivo ou responden preguntas do público.
Esta semana a serie de conversas arrincará este luns, co asturiano Rodrigo Cuevas de convidado, e dará paso, nos vindeiros días, a encontros coas cantantes Sabela Ramil (martes 7) e Guadi Galego (domingo 12), coas xornalistas Teresa Cuíñas (mércores 8) e Pilar García Rego (sábado 11), co humorista Xosé A. Touriñán (xoves 9) e os youtubeiros
O Aquele e Olaxonmario (venres 10). As conversas poderanse consultar tamén a posteriori na propia canle de Youtube do grupo.
Así, en www.youtube.com/tanxugueiras, o público xa pode rememorar as charlas, xogos e preguntas que Olaia Maneiro, Aida Tarrío e Sabela Maneiro fixeron esta primeira semana ao presentador Xosé Ramón Gayoso ou o actor Carlos Blanco; ademais dos músicos Rubén Lino (Poetarras), Rubén Sierra (La Pegatina), Monoulious DOP, Verto e Anusha Ramasubramoney (que se atopa na India e acompañou ao grupo na súa xira polo país asiático). Estes días tamén participaron o divulgador musical Pepe Cunha, do portal Ábrete de orellas, e Alex Hohmann, quen foi técnico de son de Amparanoia, 08001 ou La Kinky Beat e que agora percorre o mundo en bicicleta cun fin solidario.