SEMANAS DESPOIS DO LANZAMENTO DO SEU PRIMEIRO EP, O DÚO FORMADO POR AIDA E RAÜL REFREE ENCAMIÑAN O QUE SERÁ O SEU SEGUNDO TRABALLO DISCOGRÁFICO

Nova entrega de Gala i Ovidio. Sí quiero é o primeiro single do segundo EP do grupo formado por Aida Tarrío e Raül Refree que fai tan só unhas semanas xa emocionaron á comunidade musical con Un final, o seu primeiro traballo discográfico.

Sí quiero representa un novo xiro na aínda curta traxectoria desta unión artística, sobre todo polo seu carácter musical íntimo e emocional, máis enfocado en desenvolver un novo formato de canción.  Esta peza, que narra un amor a queimarroupa, un namoramento inconsciente e sen filtros, onde non caben as renuncias nin as consecuencias. Este novo traballo supón tamén un principio en si mesmo: aínda que no anterior EP a banda trazaba as súas cancións ao redor do concepto de final, de relacións que rematan e de espazos baleiros, agora enfoca os seus disparos poéticos cara a algo que está por comezar. A luz dunha nova mirada persoal, o fulgor das paixóns que non se poden controlar, o desexo e o querer gustar; todo isto nunha nova canción que é pop e é electrónica, que sobrevoa sen peso pero que tamén coñece a enerxía dunha batería distorsionada e duns baixos que manteñen os nosos pés ancorados nunha viaxe que nos gustaría que non acabase nunca: “Non me vou a mover de aquí ata ver as vigas rotas”.

Aida Tarrío

Aida, integrante do grupo Tanxugueiras, é unha artista multidisciplinar que combina o seu talento vocal xunto á súa destreza no baile. Compaxina a súa presenza no grupo máis importante da música galega actual con proxectos persoais que exploran diferentes expresións artísticas. Aida transita con naturalidade entre a música e a danza, sendo intérprete en destacadas creacións escénicas da prestixiosa Compañía Fran Sieira ou xunto ao recoñecido coreógrafo Dani Rodríguez. A súa formación e traxectoria están vinculadas á música tradicional galega, da que é docente e expoñente, levando a súa cultura e tradición ata novos límites.

Raül Refree

Raül Refree é un dos produtores europeos máis aclamados da última década. A súa amplitude estilística e versatilidade leváronlle a ter un perfil que vai desde músico experimental a produtor de estrelas do pop ou compositor de bandas sonoras premiadas, como “La Mesías” ou “Un año, una noche”

Interesado desde os seus inicios na renovación da música tradicional, Raül Refree converteuse nos últimos anos no nome de referencia do novo flamenco en España traballando xunto a nomes como Rosalía, Rocío Márquez ou Niño de Elche. O seu álbum con Rosalía, Los Ángeles, foi Disco de Ouro en varias ocasións. Estrelas como Ricky Martin reivindican o seu talento mentres el segue apostando por novos talentos por descubrir, como Rodrigo Cuevas, Guitarricadelafuente ou Maestro Espada.