TRAS OS SEUS PRIMEIROS SINXELOS, DE MAIO A ABRIL E CARA O MAR, O GRUPO LANZA O PRIMEIRO DOS DIVERSOS EP QUE PRETENDE PUBLICAR ESTE ANO

Tras a sorprendente xuntanza baixo o nome de Gala i Ovidio de dúas das grandes figuras da escena musical actual, Aida de Tanxugueiras e o produtor e músico Raül Refree, hoxe ve a luz o seu primeiro traballo discográfico conxunto. Nomeado como Un Final e tras o lanzamento de De maio a abril e Cara o mar, primeiros sinxelos desta primeira pedra do proxecto musical, Aida e Raül buscan devolver a importancia deste formato curto e comezar a debuxar un arco narrativo que comeza cun final, como tantas outras cousas na vida.
Composto por catro cancións, este EP narra a tristeza e desengano dunha fin, combinándoo coa alegría enérxica que supoñen os posibles principios que xorden dese final. Baixo esa premisa, Gala i Ovidio afonda en relacións que non funcionan e o baleiro que xera alguén que non está, mais tamén ese avance cara a reafirmación da propia persoa, tan importante para avanzar e saír deses momentos escuros. La teoría de la gravedad, primeiro tema que compuxeron xuntos Aida e Raül, foi a que marcou o camiño do proxecto, afondando nunha relación tóxica que nos empurra cara o máis fondo, pero que desemboca nun momento liberador co que se rachan as cadeas desa opresión e se sae adiante. O peche do traballo, protagonizado por Aluméame, é unha volta á tradición, volteando así o arco narrativo e apostando pola posta en valor do comezo deste proxecto, onde precisamente esta tradición foi a que uniu a Aida e Raül durante a residencia do Pazo de Mariñán, sendo a semente para que agromara este proxecto.
Un final é o primeiro chanzo deste proxecto musical, os primeiros pasos dunha viaxe que continuará con máis música nos próximos meses. Desta constante experimentación e deste tránsito entre a música buscando diluír os xéneros nace Gala i Ovidio, un proxecto sincero e directo que se diferencia do visto ata agora na industria musical actual.
