O FESTIVAL CELEBRA HOXE A SÚA SEGUNDA E ÚLTIMA XORNADA CO CONCERTO DESTACADO DA BANDA UCRAÍNA STONED JESUS 

Borja Dicha ©   

Os riffs contundentes e as atmosferas densas ateigaron onte o Parque do Pasatempo de Betanzos na primeira xornada de Fumega Fest 2026. O festival, consolidado xa como unha das citas de referencia do Stoner Rock e Doom Metal na Península Ibérica, abriu as portas da súa segunda edición co protagonismo dos concertos exclusivos dos británicos Conan e dos suecos Burst, acompañados dos portugueses Travo e Men Eater e a banda viguesa Luciférnaga

As portas do festival abríronse cun directo electrizante cheo de distorsión a cargo de Travo. Os portugueses ofreceron unha apertura inmellorable para esta segunda edicón. O talento local fíxose un foco no escenario coa presenza dos vigueses Lucifernaga, que despregaron as súas contundentes guitarras nun exercicio de brutalidade sonora. Un dos pratos fortes da noite chegou con Conan. Os británicos incendiaron o Parque do Pasatempo cos seus riffs densos e desafiaron ao público coas súas características afinacións baixas, demostrando por que eran un dos grandes atractivos do cartel. Coa noite pechada, foi a quenda dos portugueses Men Eater, que tensionaron o ambiente con melodías densas que se expandiron por todo o auditorio. A primeira xornada pechou outro dos grandes nomes do festival, os suecos Burst, que deleitaron aos asistentes cun concerto enérxico, intenso e atrapante, á altura da exclusividade dunha banda que levaba décadas sen pisar a Península Ibérica. Un remate inmellorable para unha primeira xornada apoteósica. 

A xornada deste sábado 27 de xuño, coa que o festival porá o punto e final a esta edición, estará marcada pola presenza dos ucraínos Stoned Jesus, que compartirán escenario con bandas como Wet Cactus (Cantabria), Volcanova (Islandia), Moura (A Coruña) e Causa Sui (Dinamarca). Aínda quedan entradas á venda na taquilla do festival. 

Fumega Fest é un festival promovido pola promotora PlayPlan, responsables de festivais como BIGSOUND PontevedraSonRías Baixas ou Festival do Pasatempo, así como das carreiras de artistas como Hugo GuezetaVimbio ou Sabela. O evento conta coa colaboración institucional do concello de Betanzos, patrocinio de Fritz-Kola e Bico de Xeado e a colaboración de Liporca.   

COÑECE AOS ARTISTAS DO FUMEGA FEST 

Un dos grandes nomes desta edición, que encabezará a xornada do sábado, é Stoned Jesus, banda ucraína formada en Kyiv en 2009. Cunha traxectoria de case 500 concertos por Europa e Sudamérica, compartiron escenarios con bandas lendarias como Black Sabbath, Deep Purple, Rammstein, Slayer ou Gojira. Sempre en evolución, Stoned Jesus continúa explorando novos camiños sonoros, consolidando un son propio que mestura doom, prog e grunge. 

Xunto a eles estará Causa Sui, banda danesa que leva en activo dende o  2005. Tras dous primeiros discos de heavy-psych, evolucionaron cara sons máis experimentais e instrumentais, con influencias que van desde o Miles Davis eléctrico ou o stoner-rock americano. O seu estilo foi definido como unha gran onda que percorre cinco décadas de rock, creando paisaxes sonoras expansivas e hipnóticas que os consolidan como unha referencia esencial da psicodelia contemporánea. 

O festival tamén contará nesta segunda xornada con algúns dos grandes nomes da escena estatal e galega como é Wet Cactus, banda cántabra que se move entre o stoner máis clásico e o grunge dos noventa, formada no verán de 2013, así como Moura, banda coruñesa que aposta pola fusión de rock progresivo, psicodelia e folclore tradicional, creando unha experiencia sonora case ritual.  

A nota máis exótica, para pechar a derradeira xornada de festival, apórtana Volcanova, que chegarán dende Islandia co seu stoner rock cheo de fuzz, grooves poderosos e harmonías vocais a tres voces.