A BANDA GREGA ACTUARÁ EN EXCLUSIVA EN GALICIA O PRÓXIMO SÁBADO 28 DE MARZO NA SALA REBULLÓN DE MOS
ESTA SERÁ UNHA DAS TRES ÚNICAS PARADAS NO ESTADO ESPAÑOL DO SEU VENCEREMOS TOUR
AS ENTRADAS ESTÁN XA Á VENDA EN ENTERTICKET.ES

O festival galego de referencia no stoner rock e doom metal amplía horizontes presentando a actuación exclusiva en Galicia da banda grega Villagers of Ioannina City. O concerto terá lugar o próximo sábado 28 de marzo na sala Rebullón de Mos. Abrindo novos camiños tras confirmar o cartel da segunda edición do festival, Fumega Fest aposta por incluír a Galicia como parada de referencia para as xiras dos artistas máis importantes destes xéneros. O paso dos helenos englóbase dentro da súa xira europea Venceremos Tour 2026, con dúas paradas máis no estado español, Vitoria-Gasteiz e Madrid. As entradas para o seu concerto en Mos están xa á venda en enterticket.es.
Villagers of Ioannina City é unha referencia a nivel europeo. Coñecida por fusionar o heavy psicodélico e o stoner rock coa música tradicional da rexión de Epiro, os seus concertos destacan pola súa impoñente producción, incluíndo elaborados espectáculos de luces e son. Con tres disco ás costas, un deles gravado en directo, a banda grega exporá na sala Rebullón a súa posición como unha das bandas máis sólidas e particulares da propia escena.
FUMEGA FEST 2026
Coa súa apertura a traer xiras internacionais a Galicia, a marca Fumega Fest segue avanzando cara a súa consolidación como unha das grandes referencias do stoner rock e doom metal a nivel peninsular. O festival Fumega Fest encara a súa segunda edición cun cartel ambicioso e atractivo para os amantes destes xéneros, contando coa participación de bandas de renome a nivel continental como Stoned Jesus, Conan, Burst, Causa Sui ou Volcanova, así como o mellor da escena estatal, galega e portuguesa, como son Wet Cactus, Men Eater, Travo, Moura ou Luciférnaga. Os abonos para os dous días do festival están xa dispoñibles dende 57€ na páxina web do festival, www.fumegafest.com e Enterticket.es.

Fumega Fest é un festival promovido pola promotora PlayPlan, promotores de festivais como BIGSOUND Pontevedra, SonRías Baixas ou Festival do Pasatempo, así como das carreiras de artistas como Hugo Guezeta, Vimbio ou Sabela.