TRAS ESTAS DÚAS XORNADAS O FESTIVAL ASENTOU AS BASES DUN EVENTO QUE VÉN PARA SER REFERENCIA PENINSULAR

A ORGANIZACIÓN COMEZA DENDE XA A TRABALLAR PARA SEGUIR CUNHA SEGUINTE EDICIÓN AÍNDA MÁIS GRANDE

© Iría López

Bota a cancela unha primeira edición de Fumega Fest na que  destacaron os nomes de Psychonaut, Dvne, Greenleaf ou Monkey3, ateigando o parque do Pasatempo de riffs de guitarras electrizantes e sons contundentes, devolvendo o espírito rockeiro e metaleiro a un recinto que viviu grandes noites envolto en acordes de guitarras eléctricas. Este punto de partida sáldese de maneira satisfactoria para un proxecto que chega para quedar, na procura de afianzarse como un dos festivais de referencia na Península Ibérica para os amantes do post-rock, post-metal, stoner, psych ou space-rock, entre outros xéneros.

Este pasado sábado pechou o festival cunha xornada marcada polo impresionante despregue de carisma de Greenleaf. Os suecos, un dos grandes reclamos desta edición, namoraron coa súa combinación de hard rock e heavy blues, ofrecendo un directo frenético e hipnotizante a partes iguais. Exxasens foi outra das grandes apostas desta xornada, ofrecendo a resposta a por que son unha das grandes referencias internacionais do post-rock e space rock. A verdadeira revelación desta edición viviuse co directo dos indescifrables madrileños Mohama Saz, que coa súa proposta única de psicodelia, rock ou jazz espiritual elevaron ao público nun trance sonoro que ben mereceu unha das ovacións máis grandes da edición. Pola súa parte, o talentoso post-rock e metal instrumental de Kalte Sonne deixou claro por que son unha das maiores perlas da escena musical galega.

Segundo palabras de Jordi Lauren, director do festival, o evento sáldase coa mellor das sensacións logo de ver a recepción desta primeira edición. O cariño, respecto e sentimento do público correspondeu con creces, e serve de base para seguir medrando e acadando novos fitos. Jordi apunta que é toda unha honra, tanto para el como para todo o equipo de PlayPlan, devolver as grandes noites cheas de  guitarras e boa música a un recinto con tanta historia, ademais de fortalecer e dinamizar o tecido cultural, de comercio e de hostalaría da vila betanceira coa chegada de público procedente de toda a Península Ibérica.

A organización traballa xa na próxima edición, para poder seguir dando pasos que afiancen o festival como unha das grandes referencias peninsulares destes xéneros. Esta primeira toma a terra confirma a sensación coa que nace o festival, para ofrecer un espazo no que poder ver aos mellores grupos estatais e internacionais de post-rock, stoner, post-metal, psych, space rock e xéneros similares, nunha contorna cómoda, histórica e inmellorable para os asistentes.

A xornada do venres estivo marcada polo forte carácter internacional. O grupo galego Mano de Piedra foi o encargado de abrir o festival, caldeando un público sempre predisposto, aínda que o sol non dese tregua. Acto seguido foi a quenda dun dos grandes reclamos do día, Psychonaut prendeu o Parque do Pasatempo coa súa innovadora proposta de stoner e post-metal, completando un espectáculo que levou unha das maiores ovacións do día. Tras eles, o incombustible e contundente directo dos escoceses Dvne conquistou pola súa ambición e posta en escena, despregando o seu post-metal progresivo. Pecharon a noite os suízos Monkey3, sacando un arsenal de riffs electrizantes que mergullou aos presentes nunha viaxe musical que coroou a primeira xornada do festival.

Fumega Fest é un festival promovido pola promotora PlayPlan, encargados de festivais como BIGSOUND Pontevedra, SonRías Baixas ou Festival do Pasatempo, así como das carreiras de artistas como Tanxugueiras, Caamaño&Ameixeiras, Vimbio, Sabela ou Hugo Guezeta. O evento conta coa colaboración institucional do concello de Betanzos e o patrocinio de El Águila.