GRANDES NOMES EUROPEOS DO ROCK E O METAL ALTERNATIVO CHEGARÁN A BETANZOS

O EVENTO TERÁ LUGAR O PRÓXIMO 4 E 5 DE XULLO E OS ABONOS  PROMOCIONAIS SAIRÁN Á VENDA O PRÓXIMO VENRES 11 DE ABRIL

O festival Fumega Fest acaba de dar a coñecer o seu cartel para a súa primeira edición. O evento, que terá lugar o 4 e 5 de xullo no histórico Parque do Pasatempo de Betanzos, aposta por grandes nomes a nivel europeo, con bandas da talla de Monkey3 (Suiza), Psychonaut (Bélxica), Greenleaf (Suecia) ou Dvne (Escocia). Xunto a eles, actuarán Exxasens (Barcelona), Mohama Saz (Madrid), Mano de Piedra (Vigo) e Kalte Sonne (Lugo). Este cartel de luxo abrangue o mellor do stoner rock, post-rock, psych, space-rock e post-metal, nunha aposta forte por conformar un cartel á altura dos mellores festivais europeos da escena.

Betanzos fará unha viaxe musical a través da distorsión e os ritmos intensos con dous días cheos de boa música nun marco incomparable. Baixo a mirada do Parque do Pasatempo, declarado Ben de Interese Cultural e un dos parques con máis historia de Europa, arranca unha primeira edición que promete ser única en Galicia.

Os abonos para o Fumega Fest sairán á venda o próximo venres 11 de abril en www.fumegafest.com e Enterticket a un prezo promocional de 45€ + gastos de xestión. O festival porá á venda tamén a acampada, que contará con zona cuberta, control de acceso e todos os servizos do pavillón municipal. Atoparase a escasos metros andando do recinto de concertos e do centro da vila, e terá un prezo de 15€.

Fumega Fest é un festival promovido pola promotora PlayPlan, encargados de festivais como BIGSOUND Pontevedra, SonRías Baixas ou Festival do Pasatempo, así como das carreiras de artistas como Tanxugueiras, Caamaño&Ameixeiras, Vimbio, Sabela ou Hugo Guezeta. O evento conta coa colaboración institucional do concello de Betanzos e o patrocinio de El Águila.

COÑECE AOS ARTISTAS DO FUMEGA FEST

Un dos grandes cabezas de cartel desta edición é Monkey3. Dende Suiza, o grupo trae unha fusión explosiva de stoner rock, space rock e progresivo. Nacidos no 2001 como unha banda de jam sessions, evolucionaron ata converterse nunha das formacións máis respectadas do xénero en Europa. Os seus directos son unha auténtica viaxe sensorial, con guitarras expansivas, teclados psicodélicos e unha enerxía demoledora.

Dende Escocia chega outro dos grandes atractivos do festival, Dvne, que destaca como unha das bandas máis potentes e ambiciosas do post-metal progresivo. Cun son épico que fusiona stoner, sludge, doom e metal progresivo, o seu estilo bebe de influencias como Mastodon, Neurosis e Pink Floyd, creando composicións expansivas e atmosféricas.

Neste caso dende Bélxica, a intensidade progresiva de Psychonaut converteunos nunha das propostas máis innovadoras do stoner e post-metal. Influenciados por Led Zeppelin, Pink Floyd e Tool, combinan riffs esmagadores con conceptos filosóficos e espirituais nos seus discos. Coñecidos polos seus directos impactantes e unha posta en escena escura e envolvente, son unha das grandes apostas do festival.

O último dos grandes nomes desta edición chegará dende Suecia, onde Greenleaf creou o seu son en base á psicodelia, o hard rock e o heavy blues. Mesturando a potencia das paisaxes sonoras creadas coas súas guitarras e unhas cautivadoras voces de blues, a banda sueca chegan para ofrecer un espectáculo frenético e hipnotizante a partes iguais.

O festival aposta tamén por grandes nomes consagrados da escena estatal. Os cataláns Exxasens levan máis de 15 anos redefinindo os límites do post-rock e space rock instrumental. A súa música evoca viaxes interestelares con guitarras etéreas, sintetizadores envolventes e unha produción meticulosa. Dende terras madrileñas chega unha das propostas máis incalificables do cartel. Mohama Saz combina psicodelia, rock, jazz espiritual e sons tradicionais do Mediterráneo, Oriente Medio e Norte de África, creando unha experiencia sonora única. A súa música, cunha forte carga política e experimental, é un convite ao trance e á exploración sen límites.

No festival tamén haberá espazo para gozar de dúas das bandas máis representativas da escena galega. Dende Vigo emerxe Mano de Piedra, unha banda que fusiona stoner, hardcore e post metal cunha brutalidade sonora impactante. Dende Lugo aterrará o post-rock e o metal instrumental de Kalte Sonne, grupo que se destacou en festivais de toda Europa. A súa capacidade para crear atmosferas cinematográficas e envolventes é unha aposta segura para quen busca emocións intensas e paisaxes sonoras inesquecibles.