“Invisible Sadness” é o nome que recibe o primeiro sinxelo do novo traballo de Elsa Muñiz. A pianista galega retoma a súa carreira cunha mensaxe potente que trata de poñer un altofalante sobre a saúde mental e a falta de medios para tratala. A peza instrumental a piano está acompañada dun relato no que se narran os seus sentimentos e pensamentos con relación a este tema, así como o seu proceso compositivo. Este xénero, do que Elsa é precursora e máxima expoñente, bautizouse como “pianotelling”, e baséase na combinación de pezas instrumentais clásicas a piano e microrrelatos, democratizando así o acceso á música clásica e facilitando o seu entendemento ao público xeral.
Este tema, xunto co seu microrrelato, foron compostos en 2021 tras a morte da actriz Verónica Forqué, un feito que conmocionou ao país e foi obxecto de múltiples debates e coloquios nos medios cunha idea clara, a de que era necesario reforzar os medios dende a sanidade pública para tratala eficazmente. “Invisible Sadness” é unha alegación de empatía cara toda esa xente que está a pasar por malos momentos e á que a artista interpela para tratar de facerlles chegar que non están sós, buscando que se sintan comprendidas e queridas. Para iso, o 20% da recadación xerada polo single irá destinada a Stop Suicidios, unha plataforma de concienciación sobre o suicidio que busca conseguir un plan nacional de prevención e medios á altura para o tratamento de enfermidades mentais.
O novo camiño de Elsa Muñiz comeza con este primeiro sinxelo, que formará parte dun EP que sairá nos próximos meses. Este lanzamento discográfico estará acompañado dunha xira de presentación na que a pianista presentará o seu novo proxecto xunto aos grandes éxitos que a levaron a ser unha referente no seu xénero.