Artesanía, danza, moda e internet fían en abril os encontros virtuais Mira unha cousiña…., nos que Tanxugueiras promove a difusión da cultura galega a través das redes. O músico tradicional e youtubeiro Carlos Barcia (Cousxs), a deseñadora gráfica textil Beatriz Soldán, a artesá Elena Ferro e o bailarín Fran Sieira serán as figuras convidadas desta serie de conversas que se emiten todos luns pola noite, a partir das 21.00 horas, a través do perfil oficial en Facebook das cantareiras así como na súa páxina web.
O primeira cita será o día 5 e chegará da man do responsable de Cousxs, a canle de Youtube temática sobre música e cultura tradicional galega. Carlos Barcia Trashorras, participará no Mira unha cousiña… para falar da súa experiencia nas redes pero tamén do papel que está a xogar a creación popular en internet. Barcia, con formación guitarrística e experiencia en Xacarandaina, ten colaborado con proxectos como Tanxugueiras, Samarúas, Dequenvessendo ou Cascarijazz, entre outros.
Na semana seguinte, o luns 12, a convidada será Beatriz Soldán, deseñadora gráfica textil responsable da liña de produtos Me and the beat. Con ela Olaia Maneiro, Aida Tarrío e Sabela Maneiro falarán do seu proxecto, referentes estéticos e da súa aposta pola creación dunha marca logo da súa traxectoria en grandes corporacións textiles.
O luns 19 Tanxugueiras conversará con Elena Ferro, Premio Nacional de Artesanía 2019. A artesá, que provén dunha familia especializada na elaboración de zocos de madeira desdfe 1915, revolucionou nos últimos tempos o panorama da moda ao propoñer un complemento asociado ao traballo de campo como referente estético: os zocos Eferro. Con ela abordarán cuestións como a innovación desde o rural, a posta en valor da tradición e os proxectos nos que desenvolve o seu traballo.
Finalmente, o mes de abril rematará coa presenza do reputado bailarín e coreógrafo Fran Sieira no Mira unha cousiña… do día 26. A súa compañía (que colaborou estreitamente na realización do último videoclip de Tanxugueiras coa participación activa do propio Sieira e dos bailadores Xisco Feijóo e Artur Puga), basea o seu traballo no baile e na música tradicional, utilizando o folclore galego como ferramenta de expresión. Precisamente a Compañía de Danza Fran Sieira estreará contra final de mes o seu novo espectáculo, Demente, que se poderá ver en Cangas e Vilagarcía de Arousa os días 29 e 30 de abril respectivamente.