O novo disco das pandeireteiras ocupa, na lista global de vendas en tendas físicas e dixitais que ofrecen GFK e Promusicae, a cuarta posición, só por detrás de Bad Bunny, Rosalía e Beyoncé.

‘DILUVIO’ é un traballo conceptual no que as cantareiras cuestionan crenzas, pecados ou presuntas culpas para transformalas “en aprendizaxes vitais”.

Tanxugueiras segue a colleitar fitos para a historia da música galega de creación colectiva. O trío de pandeireteiras vén de lanzar o seu terceiro álbum, ‘DILUVIO’, co que están a percorrer a Península Ibérica na Xira Midas de presentación do mesmo. O disco, publicado o pasado venres 29 de xullo, situouse como o máis vendido en tendas físicas na semana do seu lanzamento, quedando por riba de nomes como Beyoncé ou Harry Styles. O dato, facilitado por GFK e Promusicae (Productores de Música de España), dá conta da boa acollida que recibiu, entre o público, o novo traballo das cantareiras, que este mesmo fin de semana recolleron no festival SonRías Baixas o disco de ouro polo seu sinxelo ‘Terra’ -outorgado en febreiro, aínda que hoxe en día supera os 30 millóns de reproducións na suma das plataformas-.

Sinatura discos Tanxugueiras. Rocio Cibes 01/08/22

No cómputo global de vendas físicas e dixitais, ‘DILUVIO’ ocupa a cuarta posición entre un cento de discos, só por detras dos novos traballos discográficos de Bad Bunny, Rosalía e Beyoncé, e por riba de figuras de tirón internacional como C. Tangana, Sebastian Yatra ou Rauw Alejandro. A lista global pódese consultar na web https://www.elportaldemusica.es/lists .

“Pensar que tres cantareiras e pandeireteiras poden ser número un de vendas nun momento como o actual é incrible. Hoxe, máis que nunca, queremos compartir este recoñecemento con todas esas mulleres que mantiveron viva a nosa tradición. Tanto as anónimas, como as que compartiron o seu no coñecemento nas recollidas ou quen foi de porta en porta, por toda Galicia, recuperando o noso patrimonio. E vai tamén este agradecemento a quen está a tocar por vez primeira unha pandeireta: nenas, sodes o futuro da nosa música. Grazas a todas, este premio é de todas vós!”, sinalan Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro.

Operación financiada pola Unión Europea, a través de FONDO EUROPEO DE DESENVOLVEMENTO REXIONAL (FEDER), como parte da resposta da Unión á pandemia do COVID-19

X