Tras as medidas para o sector cultural anunciadas este martes polo Goberno de España, e aínda que polo momento non é posible aprazar ou cancelar eventos amparados por un marco legal, desde a Asociación de Festivais de Galicia queremos comunicarvos que continuamos traballando día a día tendo en conta todas as posibilidades e escenarios que se poidan dar nun futuro próximo.
A Asociación naceu como un proxecto colaborativo para promover e poñer en valor o sector musical e dos festivais galegos, e esa seguirá sendo unha das nosas máximas: a colaboración. Só xuntos seremos quen de paliar as consecuencias da COVID-19 no panorama dos nosos eventos musicais e de trazar un plan de acción para garantir a seguridade de equipos de traballo, artistas e asistentes.
Por este motivo, e sumándonos á petición de que “ninguén quede atrás”, queremos lembrarlle ao Ministro de Cultura, José Manuel Rodríguez Uribes, o noso reclamo urxente de poder aplicar o estado de forza maior nos eventos e a necesidade de adaptar as normativas de consumo, dos ERTE e dos Fondos de Financiamento do Estado pola COVID-19 á realidade da industria musical.
En Festivais de Galicia confiamos na unión das forzas das institucións e todos os axentes implicados nos eventos co obxectivo de trazar pautas, salvar e fortalecer o sector da produción de festivais de música en Galicia. Só deste xeito, seremos capaces de volver vivir convosco experiencias inesquecibles.
Volverémonos atopar. Volveremos compartir.