O grupo galego Caamaño&Ameixeiras participará na seguinte edición do ciclo Girando Por Salas ao ser un dos vinte e dous grupos elixidos entre os máis de oitocentos que se presentaron. Dito ciclo consiste na celebración de concertos fóra da Comunidade Autónoma de residencia do grupo ou mínimo a 300km dentro da mesma. Desta forma, o que busca o certame é potenciar aos talentos musicais emerxentes e a súa difusión máis alá do seu ámbito de influencia natural, así como incentivar á profesionalización dos mesmos. A maiores, recibirán unha axuda para a promoción e produción discográfica dos seus traballos.

A lista de artistas que acompañan ao dúo galego como seleccionados son: Airu, Calequi y Las Panteras, Carmesí, Diagnóstico Binario, El nido, Eva Mcbel, Grabu, Jairo Deremache, Jordana B, La Furia, Las Dianas, Marta Knight, Morochos, Nito Serrano & Lapurasangre, Parquesvr, Sangijuelas del Guadiana, Sarria, Shego, Tigre y Diamante, Vangoura y Zabriskie.

Ademais dos votos emitidos por todos os representantes do xurado, o público, a través da web de Girando Por Salas, puido votar ás súas bandas e solistas preferidos e os vinte máis votados contaron cun voto extra a sumar aos que pode outorgarlle o comité de selección. Dos vinte e dous seleccionados, catro contaron co apoio do voto popular.

A edición #GPS15 de Girando Por Salas é unha iniciativa do Instituto Nacional de las Artes Escénicas y de la Música (INAEM) do Ministerio de Cultura, sendo entidade colaboradora a Federación Coordinadora del Circuito de Músicas Populares (FCMP), formada polas seguintes asociacións profesionais: ACCES (Asociación Estatal de Salas de Música en Directo), APM (Asociación de Promotores Musicales), ARC (Associació de Representants, Promotors i Managers de Catalunya), ARTE (Asociación de Representantes Técnicos del Espectáculo), MUSICAT (Associació Professional de Músics de Catalunya), PROMUSICAE (Productores de Música de España) e UFI (Unión Fonográfica Independiente).