O pasado mes de decembro Caamaño&Ameixeiras unían forzas con Rodrigo Cuevas para regalarnos “Catro Cousas”, un pasodobre tradicional no que xogaban a resignificar a linguaxe militar e taurina asociada a este xénero para reivindicar o amor propio e o autocoidado en ton irónico e mordaz.

Aproveitando que o seu lanzamento coincide co día do calendario que pretende festexar o amor e no que abrazamos a nosa versión máis rechamante, hoxe “Catro cousas” adquire un novo cariz en forma de remix totalmente inesperado e sorprendente, encargándose as propias Caamaño&Ameixeiras de darlle un novo enfoque acorde a San Valentín con esta versión actualizada e verbenera.

Así, o “autoremix” está inspirado nos dúos que tocan nos remolques nas festas pequenas. Elas comentan: “Nós non facemos pachanga, pero se a fixésemos non seriamos a Panorama. Se nós fixésemos pachanga seriamos así, como un dúo de remolque e como os dúos dos restaurantes. A idea de facer un remix desta canción foi de Hevi, o produtor do tema orixinal, que nos suplicou ir ao seu estudo e facer unha nova versión con Sabela Caamaño ao mando dos seus múltiples e diversos casiotones e sintetizadores oitenteiros“.

Camela, os ritmos gravados con casiotones, os teclistas da cabra, os pasodobres toureiros. Todos estes referentes serviron de inspiración para o remix, que se fixa tamén en Modern Talking tocando unha canción de Paco España, en Quim Barreiros e en Rosinha falando con segundas intencións.

Desde hoxe está tamén dispoñible, na súa páxina web www.caamanoameixeiras.com, a prevenda dun vinilo que incluirá tres cortes: Catro Cousas, Catro Cousas REMIX e Niño abandonado de Florencio, o cego dos Vilares (a recollida orixinal, xerme do tema).

E é que, no día máis rechamante do ano, non se nos ocorre mellor maneira de festexar o amor (en calquera das súas formas) que cun bo pasodobre

A versión orixinal do tema foi gravada en vivo, abrazando a naturalidade e a espontaneidade da música en directo e presentouse acompañada por un precioso videoclip, dirixido por Jorge Rojas e gravado no Parque do Pasatempo de Betanzos, considerado BIC (Ben de interese Cultural), actualmente en proceso de restauración e considerado “un dos xardíns máis extraordinarios e desconcertantes de Europa”.

Sobre a experiencia de traballar con Rodrigo, o dúo galego comentaba: “A experiencia foi incrible. Xa sabiamos que Rodrigo era un artista tremendamente talentoso, pero tamén puidemos descubrir a súa enorme calidade humana. É unha persoa moi xenerosa e foi moi fácil traballar con el, moi fluído e moi inspirador para nós. Desde o primeiro momento houbo moita conexión entre os tres, e a súa forte personalidade artística permitiu levar o tema a outra dimensión. O proceso de gravación foi moi fermoso. Gravamos en vivo, abrazando a naturalidade e espontaneidade que conleva”.

A localización no Parque do Pasatempo tamén xogou un papel fundamental á hora de outorgar sentido e forza ao sinxelo. “O Pasatempo é un lugar máxico, e tiñamos claro que era o escenario perfecto para o que queriamos contar e transmitir no videoclip. Ademais, persoalmente para Sabela foi especial revisitar este espazo que tanto visitara na súa infancia, agora desde unha perspectiva distinta e cunha mirada diferente. Tamén foi moi poderoso volver ocupar temporalmente un lugar como este, cunha decadencia que nos resulta completamente magnética”.

Caamaño&Ameixeiras comezan este mes de febreiro unha xira que as levará a presentar o seu proxecto por todo o territorio en dez datas repartidas nos próximos meses, estando sete das cales enmarcadas no ciclo Girando por Salas, e facendo unha parada en París, en abril, abrindo un concerto de Rodrigo Cuevas.

22/02 · Teatre del Raval · GANDÍA GPS
23/02 · Capsa de Música · TARRAGONA GPS
20/03 · Babel Music XP · MARSELLA (Francia)
01/04 · La Cigale · PARIS (Francia)
11/04 · Lata de Zinc · OVIEDO GPS
12/04 · Café de las Artes · SANTANDER GPS
25/04 · Sala Infromal · TAFALLA GPS
26/04 · Espai Orfeó · LLEIDA GPS
30/05 · Es Claustre · MENORCA GPS
31/05 · Festivala · VILAGARCIA DE AROUSA