Durante o día de onte, a Unión Fonográfica Independente deu a coñecer os artistas finalistas dos Premios MIN 2025.

Caamaño&Ameixeiras acadaron dúas nominacións nas seguintes categorías:

“Mellor artista emerxente”

“Mellor videoclip” por “Catro Cousas”, single en colaboración con Rodrigo Cuevas e cuxo videoclip foi dirixido por Jorge Rojas.

Os gañadores daranse a coñecer nunha cerimonia que terá lugar o vindeiro martes 29 de abril no Teatro Príncipe Pío de Madrid.

O recoñecemento como unha das formacións emerxentes máis a ter en conta da nosa música chega da man do seu cada vez maior status referencial como unha das propostas máis representativas, a nivel nacional e tamén internacional, da nova música tradicional galega.

Caamaño&Ameixeiras resignifican a música e o baile de raíz, fusionándoos con sons máis contemporáneos, expandindo así o seu talento aquí sen renunciar a conquistar moito máis alá das fronteiras galegas. Cunha posta en escena impactante, coidada e atrevida, contan xa con grandes e numerosas actuacións, levando o seu directo a países como Italia, Bélxica, Francia, Portugal, Eslovaquia, República Checa ou Austria. Ademais, as súas cancións acumulan xa centos de miles de reproducións en plataformas dixitais, os seus discos levan miles de copias vendidas e veñen de colaborar con artistas da talla de Rodrigo Cuevas.

A inspiración para as súas composicións bebe do universo popular, sendo creadoras dunha atmosfera onde a realidade, a maxia e a relixión conflúen. Nestes últimos anos de traxectoria, a súa música evolucionou desde sons alegres e un carácter colaborativo cara a un aspecto máis escuro e íntimo, acadando un éxito que as levou a facerse cun Premio Martín Códax da Música na categoría de Folk, ademais de tocar en importantes festivais como o Interceltique de Lorient, o Festival de Ortigueira, o Festival Tradicionàrius de Barcelona, o Revenidas ou o Osa do Mar.

Un dos grandes atractivos do grupo é a forte aposta polo seu directo. Cunha posta en escena sorprendente, moi traballada e ousada, Caamaño&Ameixeiras impactan o público nas súas presentacións, propoñendo un espectáculo visual e artístico que reforza o seu xa potente directo.

Caamaño&Ameixeiras veñen de presentar en 2024 o seu último traballo discográfico, “Quitar o aire” (2023), cunha xira que sumou máis de 60 concertos e que chegou ata países como Austria, Portugal, Bélxica, Francia ou  Países Baixos.

Tras o éxito de “Catro Cousas”, o seu novo sinxelo xunto a Rodrigo Cuevas, o grupo encara este 2025 mantendo o seu carácter internacional, confirmando concertos en Escocia, Francia e Portugal nestes primeiros meses do ano e varias datas nacionais xunto a Girando por Salas (GPS) ata o mes de maio.

É precisamente “Catro Cousas” outro dos protagonistas dos finalistas dos Premios MIN, neste caso na súa faceta audiovisual, contando cun fermoso videoclip dirixido por Jorge Rojas e gravado nun lugar tan peculiar e máxico como o Parque do Pasatempo de Betanzos, considerado BIC (Ben de Interese Cultural).

As próximas datas son:

01/04 · La Cigale · París (Francia)

04/04 · Cité de la Musique · Marsella (Francia)

06/04 · Festival Détours de Babel · Grenoble (Francia)

11/04 · Lata de Zinc · OVIEDO GPS

12/04 · Café de las Artes · SANTANDER GPS

25/04 · Sala Informal · TAFALLA GPS

26/04 · Espai Orfeó · LLEIDA GPS

30/05 · Es Claustre · MENORCA GPS

31/05 · Festivala · Vilagarcía de Arousa

Este ano traerá nova música tamén, con grandes sorpresas que non farán máis que contribuír aínda máis a que o dúo siga mantendo o seu status como unha das bandas con máis potencial de desenvolvemento da nosa escena.