Dous concertos “desenchufados pero amplificados” no Recinto da Estacada e tres micro concertos en Ons, na Igrexa románica de Santa María de Cela e na senda fluvial do río Bispo compoñen a programación alternativa á 18ª edición do Festival SonRías Baixas, que se celebra esta semana, de xoves a sábado, en Bueu

As entradas para os acústicos de Arco e Rayden están á venda na web sonriasbaixas.info, por 10€ a entrada para un día e 15€ o abono para os dous. Os convites para os micro concertos serán gratuítos e poderán reservarse, tamén na web do festival, mañá martes ás 12h

Este xoves, 30 de xullo, arrinca en Bueu o MicroSonRías, unha proposta de pequeno formato coa que a organización do Festival SonRías Baixas -que celebraría esta fin de semana a súa 18ª edición- quere compartir con parte do seu público o seu amor pola música, sen poñer en risco a súa saúde, nin a dos artistas, nin a do resto das persoas que colaboran co festival, nin a das veciñas e veciños da vila. “A cultura é segura, a nosa proposta é segura e isto é o máis importante para nós”, recordaba Jordi Lauren, codirector do festival, na presentación do evento.

“O SonRías Baixas congregou o pasado mes de agosto en Bueu a 22.065 persoas”, recordou Lauren, “xerando na comarca un impacto superior ao millón de euros”. “Aínda que este verán non poderemos achegar esa riqueza económica e cultural á nosa terra”, lamentou, “si que podemos ofrecer a nosa creatividade na forma dunha proposta “micro”, moi coidada e adaptada ás circunstancias. Segura”. O MicroSonRías redefine, ademais, o concepto de Destino SonRías, conxugando unha programación musical de calidade cunha coidada proposta de ocio activo, gastronómico y natural, profundamente integrada no territorio. Así, os artistas do evento -Rayden, Arco e Mounqup- visitarán algúns dos espazos máis singulares da comarca, onde ofrecerán pequenas actuacións e probarán algunhas xoias da gastronomía das Rías Baixas.

Esta proposta “micro” arrincará este xoves, 30 de xullo, ás 18h no pavillón municipal de Bueu cun grupo de 20 persoas que percorrerán a Ruta dos Muíños do Río Bispo e gozarán cun microconcerto de Mounqup, onde esta música francesa afincada no rural ourensán ofrecerá arroupada pola natureza un petisco da súa proposta musical, na que usa tanto o galego como o inglés e o francés para navegar polo jazz, o soul e o r&b subida á nave da electrónica, nunha especie de psicose auditiva repleta de loops e sintetizadores que, en combinación cunha voz única e persoal, converten os seus directos nunha experiencia hipnotizante. Ao rematar o microconcerto, a expedición dirixirase ao obrador da Panadería Amador onde aprenderán todos os segredos do pan de Galicia.

O venres 31 de xullo, pola mañá, un selecto grupo de 20 persoas visitará Ons co artista urbano do momento, Rayden, e achegaranse ao Polbo das Rías e ao mexillón de Galicia. E, pola noite, o rock de acento flamenco do carismático cantante, guitarrista e compositor de El Puchero del Hortelano, Arco, volverá ao Recinto da Estacada de Bueu cun novo traballo -o terceiro do seu proxecto persoal- debaixo do brazo. Berta Domínguez, codirectora do festival, adiantou esta mañá na presentación do programa que as 800 persoas que asistan ao concerto de Arco no Recito da Estacada poderán gozar dun dos momentos máis especiais do MicroSonRías, cando Rayden suba ao escenario para interpretar xuntos un tema.

Arco xa conquistou ao público de Bueu, en 2017, coa súa característica voz rota e coa instrumentación clásica de banda de rock, marca da casa, matizada por unhas coidadas letras que destacan pola súa emotividade e intensidade. Volve agora, despois de madurar a súa proposta persoal sobre os escenarios de medio mundo, para emocionar ao público do Multiusos da Estacada con esa particular mestura, a medio camiño entre a tradición de Sabina e os Extremoduro máis pausados, que entronca con esa xeración de músicos urbanos que percorren con soltura os camiños que unen o rock de acento flamenco e o pop de aspiración masiva.

sábado 1 de agosto tamén haberá dobre programa. Pola mañá, un pequeno grupo de 20 persoas visitará a Igrexa románica de Santa María de Cela, onde gozarán cunha degustación e masterclass de viño Tinta Femia e coa música de Arco dende o miradoiro. Pola noite, pechará o MicroSonRías un concerto “desenchufado pero amplificado” de Rayden nun recinto da Estacada adaptado aos novos tempos.

Rayden é o nome de batalla dun rapeiro devido artista urbano multidisciplinar que destaca pola súa habilidade para fusionar xéneros musicais, pola súa orixinalidade, e, sobre todo, pola combinación de inxenio, tenrura e verbo afiado que caracterizan as súas letras. Rimador, cantante e melodista, Rayden é un músico integral que nos seus primeiros 20 anos sobre os escenarios xa o demostrou todo, ou case todo. Calidade e compromiso, calidez e conexión co público, xenerosidade á hora de tender pontes con artistas doutros estilos e unha asombrosa capacidade para crear “números 1” non só na música, senón, tamén, na literatura.

As entradas para os acústicos de Arco e Rayden están á venda na web sonriasbaixas.info, por 10€ a entrada para un día e 15€ o abono para os dous (o día do evento custarán 15€). Os convites para os micro concertos serán gratuítos e poderán reservarse, tamén na web do festival, mañá martes ás 12h.

O evento conta co patrocinio do Concello de Bueu, de Turismo Rías Baixas e Deputación de Pontevedra e de Agadic, Fest Galicia, e Xacobeo 2021, da Xunta de Galicia. Na presentación do MicroSonRías, o director da Agadic, Jacobo Sutil, destacou o impacto cultural, económico, turístico e de desenvolvemento social dos festivais. A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, salientou o papel de Bueu como referencia para a provincia, pola súa aposta pola cultura como ferramenta de transformación e recoñeceu a valentía da organización do SonRías Baixas e a súa capacidade para reinventarse nunha situación tan complicada. Pola súa banda, Félix Juncal, alcalde do Concello de Bueu, destacou o potencial dos microconcertos que terán lugar nas tres parroquias do Concello e que se difundirán a través das redes sociais para facerlle chegar ao mundo os atractivos turísticos, culturais e etnográficos de Bueu.