O festival, que se celebrará os próximos 17 e 18 de xullo no Parque de Tafisa, encara a recta final co recinto xa en montaxe, un dispositivo de seguridade coordinado entre todas as administracións e un operativo de transporte reforzado para facilitar a chegada de público desde toda España.

BIGSOUND Pontevedra entra na recta final dos preparativos da súa segunda edición. A pouco máis dunha semana de abrir as súas portas, o festival ultima todos os detalles dunha cita que volverá situar á cidade entre os grandes destinos musicais do verán e que se atopa moi cerca do sold out. 

Tras o éxito da súa primeira edición, que reuniu a máis de 35.000 asistentes, a organización prevé superar esa cifra este ano grazas ás melloras do recinto do Parque de Tafisa. Esta mellora permitirá optimizar a distribución dos espazos e os servizos, ofrecendo unha experiencia máis cómoda para o público e traballadores. 

Durante a roda de prensa celebrada este xoves, o secretario de Dinamización Social e Cultural do Concello de Pontevedra, Demetrio Gómez Xunqueira; o director de PlayPlan, Jordi Lauren, e o cofundador e CEO de BIGSOUND Entertainment, Juanjo Talaván, destacaron a consolidación do festival dentro do calendario cultural e musical da cidade, así como o importante impacto económico, turístico e social que xera para Pontevedra e a súa contorna. 

A estreita relación entre o festival e a cidade volverá estar moi presente nesta edición. Como recoñecemento á extraordinaria acollida que BIGSOUND recibiu desde a súa chegada a Pontevedra, un dos escenarios principais levará novamente o nome de Escenario Pontevedra, reforzando o vínculo entre o evento e a cidade que o acolle.

Un dispositivo preparado para recibir a milleiros de asistentes 

Os traballos de montaxe comezaron o pasado venres e avanzan segundo o calendario previsto para que o recinto estea completamente preparado de cara á apertura de portas do venres 17 de xullo. 

O dispositivo de coordinación tamén entra xa na súa fase final. Este venres 10 de xullo terá lugar a reunión de seguridade, na que participarán as Forzas e Corpos de seguridade do Estado, Protección Civil, Bombeiros, Concello de Pontevedra e a propia organización, así como empresas de seguridade privadas e redactores técnicos de todos os plans operativos e de seguridade. O operativo conta coa coordinación de todas as administracións e servizos implicados para garantir o correcto desenvolvemento do festival e que as dúas xornadas transcorran con total normalidade tanto dentro do recinto coma na súa contorna. 

Como parte do operativo, as acreditacións para o público poderanse recoller a partir do xoves 16 de xullo no Recinto Feiral, o que permitirá axilizar o acceso durante os días do festival e mellorar a experiencia de todos os asistentes. 

Ademais, BIGSOUND Pontevedra reforzará e ampliará este ano o seu plan de mobilidade coa ampliación do servizo de autobuses oficiais, incorporando novas conexións desde distintos puntos de Galicia para facilitar o desprazamento de milleiros de asistentes. A iso súmanse os descontos e vantaxes de Renfe, que volverá ser tren oficial do festival, favorecendo a chegada de público desde diferentes comunidades autónomas. Un dispositivo pensado para que asistentes procedentes de toda España poidan acceder ao recinto de forma cómoda, segura e sustentable. 

Un cartel de primeiro nivel con cinco actuacións exclusivas en Galicia 

BIGSOUND Pontevedra está organizado por BIGSOUND PlayPlan e conta co patrocinio do Concello de Pontevedra, a través da marca turística Visit Pontevedra. O festival conta ademais co apoio da Xunta de Galicia, a través da Axencia Turismo de Galicia, no marco dos Concertos do Xacobeo, así como coa colaboración de Galicia Calidade e Xacobeo 2027. Así mesmo, conta co patrocinio da Deputación de Pontevedra e Turismo Rías Baixas, a través da marca Rías Baixas Fest. Tamén conta coa colaboración de Carné XoveKelerimaginHavana ClubGi GroupRenfeRed BullSchweppesPepsiEnterticketLOS40 Bono Cultural, unha colaboración que reforza o compromiso compartido co desenvolvemento de grandes proxectos culturais en Galicia. 

BIGSOUND Pontevedra volverá reunir durante dúas xornadas a algunhas das figuras máis destacadas do panorama musical actual. A programación combina artistas e estilos capaces de conectar con distintas xeracións de público, desde grandes nomes do pop como David BisbalAna Mena ou Nil Moliner, ata referentes da música urbana e os sons latinos como Maria BecerraNathy Peluso co seu exclusivo Club Grasa DJ SetJuan MagánLuck RaLucho RK ou Walls

Xunto a eles actuarán Natalia LacunzaBesmayaMafalda CardenalYami SafdieBig LoisChema RivasGemeliersHensLG1DORagerEle DJLuc Loren e Despistaos, completando unha programación pensada para atraer a públicos de todas as idades. 

Un dos grandes atractivos volverá ser o carácter exclusivo de boa parte desas actuacións. David BisbalMaria Becerra, Nathy Peluso con Club Grasa DJ SetAna Mena e Luck Ra ofrecerán en BIGSOUND Pontevedra as súas únicas actuacións en Galicia durante 2026, convertendo o festival nunha cita imprescindible para milleiros de seguidores chegados desde distintos puntos da comunidade e do resto de España. 

As últimas entradas para BIGSOUND Pontevedra continúan dispoñibles a través da web oficial do festival: bigsoundfestival.com.