O AUDITORIO DO PASATEMPO ACOLLERÁ ESTE VENRES 27 OS CONCERTOS DE TANXUGUEIRAS, ZETAK E CAAMAÑO&AMEIXEIRAS, E O DE CARLOS NÚÑEZ E ANTÍA MUÍÑO PARA ESTE SÁBADO 28 DE XUÑO 

AS ÚLTIMAS ENTRADAS DISPOÑIBLES ATÓPANSE NA WEB DO FESTIVAL, ENTERTICKET E NA TAQUILLA 

Este venres o Festival do Pasatempo deu a coñecer en rolda de prensa a súa programación para esta edición de 2025, que terá lugar este venres 27 de xuño e este sábado 28 de xuño na localidade de Betanzos (A Coruña). Tras a volta o ano pasado dun parón, o festival referenda a súa renovación para ofrecer dúas xornadas de boa música en vivo nunha contorna privilexiada e chea de historia. 

Á rolda de prensa, contou con Jordi Lauren, director do festival, así como da directora da Área de Promoción da Axencia de Turismo de Galicia, Carmen Pita, e a alcaldesa de Betanzos, María Barral, que tomaron a palabra no propio recinto do festival, ante o escenario que hoxe acollerá o comezo desta nova edición. 

O propio Jordi Lauren destacou na súa intervención a ilusión que é para todo o seu equipo de PlayPlan ter a sorte de poder organizar un evento nun lugar cunha carga simbólica e patrimonial tan alta. O director do festival puxo en valor a capacidade de ser un evento distinto ao resto, cunha programación sosegada pero á vez con grandes concertos e producións de artistas de primeiro nivel que achegan ao Parque do pasatempo os seus repertorios completos para o goce dos asistentes. Jordi rematou a súa intervención destacando a aposta deste ano polo talento galego, con catro dos cinco nomes do cartel e poñendo en valor o grande talento de figuras xa consagradas tanto dentro como fóra das nosas fronteiras. 

Pola súa parte, Carmen Pita quixo resaltar a grande labor do festival apostando pola posta en valor dun tesouro que temos nas nosas terras, como é o Parque do pasatempo. A súa intervención estivo marcada pola loubanza á calidade musical e da contorna que oferta o festival, facendo un guiño ao diverso público que acode ao festival do Pasatempo, combinando o público familar cun público experto en música e unha gran parte que aposta pola curiosidade de descubrir novos grupos. 

Para rematar a rolda de prensa, María Barral incidiu no pracer que é participar en que o Parque do Pasatempo acolla unha nova edición dun festival que destaca pola súa identidade, resaltando o valor histórico dun parque único en España e polo que se traballa para recuperar a súa parte máis histórica. A alcaldesa de Betanzos pechou o acto animando á xente que aínda non ten a súa entrada que acuda ao festival, resaltando a ilusión de volver a ter a Carlos Núñez no lugar onde vai 6 anos abriu os festexos do 800 aniversario do traslado de Betanzos, e que mañá abrirá un novo verán da vila betanceira. 

Este ano, o festival presenta unha forte aposta polo talento galego e polas linguas oficiais do estado, con bandas punteiras en galego e euskera. Propostas para todos os públicos que combinan artistas consagrados, como Tanxugueiras ou Carlos Núñez, con proxectos en vías de consolidación a nivel estatal, que se presentarán en Betanzos con shows completos e diferenciais dentro dos seus respectivos estilos musicais. Festival do Pasatempo propón unha experiencia irrepetible no corazón de Betanzos xuntando nun mesmo evento a mellor música do territorio coa natureza e historia dun recinto icónico. 

VENRES 27 DE XUÑO 

Os grandes atractivos do venres 27 de xuño serán Tanxugueiras, Caamaño&Ameixeiras e ZETAK. Tanxugueiras é o grupo que está desafiando e cambiando o paradigma musical estatal. Aida, Sabela e Olaia, cun son totalmente diferente pero recoñecible, adaptan a música tradicional galega a estilos actuais para darlle una nova vida. Pola súa parte, desembarcará no Parque do Pasatempo unha das propostas máis exitosas da música en euskera, ZETAK. O navarro integra as tendencias musicais máis actuais ao seu propio universo, aderezándoo con referencias vascas, sonoridades que se relacionan coa súa terra e a súa propia lingua. Para completar o primeiro dia de festival actuará Caamaño&Ameixeiras, un dos maiores expoñentes a nivel internacional da nova música tradicional galega. Resignificando a música e o baile de raíz cos sons máis contemporáneos, o dúo está expandindo o seu talento alén das fronteiras galegas.  

SÁBADO 28 DE XUÑO 

O sábado 28 de xuño destacan os nomes de Carlos Núñez e Antía Muíño. Carlos Núñez é un dos maiores referentes internacionais históricos da música galega. A súa incursión no universo da folktrónica, xunto a produtores e creadoras que están a redefinir os sons da tradición, é outro exemplo da súa visión aberta e innovadora. Por outro lado, e completando esta segunda xornada, actuará Antía Muíño, que se converteu nunha das revelacións da nova canción galega. A súa proposta é unha viaxe entre o jazz-pop, a canción alternativa de autora e a música tradicional, perfectamente guiada pola maxia da súa voz. 

O festival xorde como unha iniciativa para traer a artistas de primeiro nivel a un parque histórico, poñendo en valor a súa categoría de Ben de Interese Cultural. O espazo é un tesouro agochado da historia galega, construído no século XIX polos indianos da zona. A día de hoxe segue sendo un elemento impresionante en vías de restauración, polo que o evento, dende a liña gráfica creada por Rei Zentolo ata as actividades e comunicación do mesmo, tamén visibilizará os procesos de resignificación dun dos espazos máis históricos e culturais da contorna. 

O Festival do Pasatempo de Betanzos é un festival promovido pola promotora PlayPlan, artífice de festivais como o SonRías Baixas, BIGSOUND Pontevedra, Fumega Fest ou das carreiras artísticas de Tanxugueiras, Caamaño&Ameixeiras, Hugo Guezeta, Sabela ou Vimbio entre moitos outros. Ademais, conta co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia, no marco de Concertos do Xacobeo, así como coa colaboración da Deputación da Coruña e o Concello de Betanzos, e o patrocinio de El Águila

COÑECE AOS ARTISTAS DO FESTIVAL DO PASATEMPO 2025 

Un dos grandes nomes desta edición é Tanxugueiras. O grupo está a desafiar e a cambiar o paradigma musical estatal. Aida, Sabela e Olaia, cun son totalmente diferente pero recoñecible, adaptan a música tradicional galega a estilos actuais para darlle una nova vida. Concertos masivos e históricos, millóns de reproducións, números 1 en vendas e colaboracións cos mellores artistas estatais avalan ao grupo. 

Outro dos cabezas de cartel desta edición non é outro que Carlos Núñez, un dos maiores referentes internacionais históricos da música galega. A súa incursión no universo da folktrónica, xunto a produtores e creadoras que están a redefinir os sons da tradición, é outro exemplo da súa visión aberta e innovadora. Ao longo destes anos, Carlos Núñez vendeu máis dun millón de discos, obtendo un Premio Ondas, a Medalla Castelao e a de Galicia, dúas candidaturas en solitario aos Latin Grammy e galardóns arredor do mundo. 

Dende Euskal Herría chegará ao Parque do Pasatempo ZETAK, unha das propostas máis exitosas da música en euskera.  O navarro integra as tendencias musicais máis actuais ao seu propio universo, aderezándoo con referencias vascas, sonoridades que se relacionan coa súa terra e o propio euskera. Dende o inicio do proxecto, ZETAK provocou un tremor no panorama musical vasco, e  evolucionou ata acadar concertos multitudinarios e históricos para a música no seu idioma. 

Como parte destacada da nova música tradicional galega actuará Caamaño&Ameixeiras, un dos grandes expoñentes a nivel internacional da mesma. Resignificando a música e o baile de raíz cos sons máis contemporáneos, o dúo está expandindo o seu talento alén das fronteiras galegas. Cunha posta en escena impactante, coidada e atrevida, levan os seus directos a países como Italia, Bélgica, Francia, Portugal, Eslovaquia, República Checa ou Austria. Ademais, veñen de colaborar con artistas da talla de Tanxugueiras, Rodrigo Cuevas ou Fillas de Cassandra. 

Completando o cartel desta edición estará Antía Muíño, artista que se converteu nunha das revelacións da nova canción galega. Con “Carta Aberta”, o seu álbum debut, acumulou case 2 millóns de reproducións e foi escollida embaixadora de Spotify España na súa playlist EQUAL, saíndo nas pantallas de Times Square, en Nova York. A súa proposta é unha viaxe entre o jazz-pop, a canción alternativa de autora e a música tradicional, perfectamente guiada pola maxia da súa voz.