As cantareiras actuarán o sábado 19 no Orballo Cultural de Carballo e o domingo 20 en Compostela no ciclo de concertos Acento que promove a Fundación SGAE 

Raül Refree e Iván Ferreiro serán os últimos dous convidados da segunda tempada da serie de encontros virtuais Mira unha cousiña…, que se emiten todos os luns, ás 21.00 horas, a través da web e do perfil de Facebook das pandeireteiras 

Tanxugueiras tamén actuará con Kiko Veneno o 19 de agosto en Vigo no marco da  segunda edición do Festival Terraceo, unha das sesións más agardadas da cita 

Tanxugueiras arranca a tempada estival cunha celebración, por todo o alto, do Día Europeo da Música. O trío de cantareiras regresará aos escenarios galegos con actuacións os días 19 e 20 de xuño, en Carballo e Compostela, e pechará a serie de conversas virtuais de Mira unha cousiña… con dúas das figuras máis relevantes, sen dúbida, do panorama musical estatal: o músico Iván Ferreiro e o produtor Raül Refree. A todas estas novidades, súmase tamén o anuncio do seu concerto con Kiko Veneno no Terraceo o xoves 19 de agosto.  

Olaia Maneiro, Aida Tarrío e Sabela Maneiro actuarán por vez primeira nun escenario do país, neste 2021, o sábado 19 de xuño. Logo de iniciar a súa xira de concertos o pasado 15 de maio en Bilbao xunto a Xabi Aburruzaga, as cantareiras poderán por fin encontrarse co seu público. A primeira cita será no ciclo de concertos Orballo Cultural, en Carballo, cuxas entradas xa están á venda. Ao día seguinte, o domingo 20, participarán no ciclo Acento, unha iniciativa que impulsa a Fundación SGAE co obxectivo de promocionar “a lingua galega como vehículo de expresión artística”. Así, o 20 de xuño, contra ás 13.45 horas, Tanxugueiras actuará na terraza do edificio da SGAE en Santiago de Compostela, logo dunha sesión que inaugurará Paulinha (12.30 horas) e que ao día seguinte pechará Grande Amore (20.00 horas).      

A seguinte cita ao vivo do trío co público galego chegará o 29 de xuño. Tanxugueiras actuará nas Festas de Santa Comba, mais non será a única novidade estival. Logo de viaxar ata Bélxica, país no que actuarán no Festival Internacional Folk Goikoorts o 3 de xullo, e ata Murcia, para participar no festival La Mar de Músicas (20 de xullo), as pandeireteiras regresarán aos escenarios de Galicia. A primeira data confirmada no país para o mes de agosto é a do Festival Terraceo, no que compartirán, alén do cartel, escenario e actuacións co mítico Kiko Veneno o 19 de agosto. A cita, que comezará a partir das 20.30 horas no Auditorio Mar de Vigo, é unha das máis agardadas desta segunda edición do ciclo de concertos.  

Peche do Mira unha cousiña…

Ademais das actuacións ao vivo, este mes de xuño Tanxugueiras pechará a segunda tempada dos seus encontros virtuais Mira unha cousiña…, que emiten todos os luns, ás 21.00 horas, a través do seu Facebook (www.facebook.com/tanxugueiras) e páxina web www.tanxugueiras.com. Tal e como anunciaron onte pola noite durante a conversa coa banda valenciana Niuss, dúas figuras de relevancia da escena musical estatal, como son Raül Refree e Iván Ferreiro, participarán nas dúas últimas sesións, os días 14 e 21 de xuño, respectivamente.  Así, o vindeiro luns, as cantareiras compartirán encontro co compositor catalán, quen acompañou nos últimos anos a figuras como Silvia Pérez Cruz, Rosalía ou Rodrigo Cuevas, e que está a investigar neste 2021, da man de Aitana Cuétara (Luneda Producións) as músicas de raíz galegas. 

O broche dourado chegará o luns 21 de xuño. Tanxugueiras adoita pechar os ciclos de conversas con grandes figuras do panorama musical. Se nos Tanxuvermús do confinamento a convidada foi Guadi Galego, e na primeira tempada do Mira unha cousiña… a despedida foi Baiuca, desta quenda o protagonismo será compartido do célebre Iván Ferreiro, festexando con el, dun xeito diferente, o Día da Música.  

X