O Auditorio do Pasatempo acollerá os concertos de Andrés Suárez e Paula Mattheus o venres 5 de xullo e o de David Bustamante e Sabela o sábado 6 de xullo
Na rolda de prensa, a Xunta de Galicia adiantou que mañá anunciarán a adxudicación da segunda e terceira fase de restauración do Parque do Pasatempo
As entradas de día e os abonos dos dous días están aínda dispoñibles por 20€ e 35€ respectivamente a través da súa páxina web www.pasatempoenbetanzos.gal
Este xoves o Festival do pasatempo deu a coñecer en rolda de prensa a súa programación para a edición de 2024, que terá lugar este venres 5 de xullo e este sábado 6 de xullo na localidade de Betanzos (A Coruña). Tras un ano de parón, o festival renova a súa cara para ofrecer dúas xornadas de boa música en vivo nunha contorna privilexiada e chea de historia.
Á rolda de prensa, encabezada e dirixida por Jordi Lauren, director do festival, asistiron o director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, e a alcaldesa de Betanzos, María Barral, nun acto no que tamén participou Gandy, anterior director do festival.
O propio Jordi Lauren destacou na súa intervención o bonito reto que era afrontar un festival nunha localización que encaixa cos valores cos que traballa. “O recinto, catalogado como Ben de Interese Cultural, é de por si espazo de identidade local que merece que se poña en valor, e tamén sirve de atractivo turístico para os milleiros de persoas que elixen a comarca de Betanzos para pasar uns días”, apunta o seu director. O festival, segundo as palabras de Jordi, é unha ferramenta perfecta para dar a coñecer tanto o Parque do Pasatempo como o seu Auditorio, do que os artistas convidados a tocar nesta edición xa amosaron as súas ganas de tocar nel. O máximo responsable do festival rematou a súa intervención resaltando que a proxección do festival é inmensa, e que esperan que no futuro poidan engadir algún patrocinio privado, xa que están en negociacións avanzadas para crear un festival atractivo e cunha programación que se complemente coa oferta de festivais, ciclos e concertos de Galicia.
Pola súa parte, Xosé Merelles mostrou a súa satisfacción ante unha iniciativa que se desenvolve nunha contorna tan importante, deixando claro o compromiso e apoio da Xunta de Galicia ao festival en futuras edicións. Baixo esa premisa, o director da Axencia de Turismo de Galicia adiantou que mañá mesmo, a Xunta de Galicia adxudicará as obras da segunda e a terceira fase de restauración do parque baixo a financiación de Fondos Next Generation, garantindo o cumprimento en tempo e forma das obras. A cuarta fase desta rehabilitación contará cunha colaboración conxunta e constante de financiación co concello de Betanzos. Por último, consolidou a dispoñibilidade da executivo galego cara o concello e a promotora do festival, co fin de converter o evento nunha referencia festivaleira.
Para rematar a rolda de prensa, a alcaldesa de Betanzos quixo ter unhas palabras de agradecemento e recoñecemento a Gandy, alma fundadora do festival. Destacou as boas novas anunciadas pola Xunta de Galicia, destacando a colaboración entre administracións. María Barral afirmou que este non é un festival ao uso, a contorna faino especial, e que en base a iso queren e desexan que o festival siga moitos anos máis, poñendo en valor o Ben de Interese Cultural.
Este ano, o Festival do Pasatempo presenta un cartel con propostas para todos os públicos no que se combinan artistas consagrados e emerxentes, que levarán a Betanzos diferentes estilos e singularidades. O evento propón unha experiencia única que combinará a mellor música coa natureza e a historia do recinto.
O venres 5 de xullo destacan os nomes de Andrés Suárez e Paula Mattheus. O artista ferrolán chegará co seu último traballo ‘Viaje de Ida y Vuelta’ ao Festival do Pasatempo acompañado e arroupado pola súa banda. O cantautor continúa enchendo espazos no ámbito nacional e latinoamericano coas cancións que compoñen este delicado álbum co que chegou a posicionarse como número 1 en vendas. Pola súa parte, Paula Mattheus é unha das grandes revelacións do pop nacional, aportando un aire novo e fresco á música do país coa súa voz única, rota e doce ao mesmo tempo.”Ya No Me Joden La Fiesta” é o seu recente lanzamento que da nome á nova xira, presentada en Live Las Ventas con entradas esgotadas e máis de 3.000 asistentes. Cun potente show cargado de enerxía, Paula Mattheus non deixa indiferente a ninguén e fai de cada cita unha festa inesquecible.
O sábado 6 de xullo destaca cun dos nomes máis importantes da música en España durante o século XXI, David Bustamante, que estará acompañado da artista galega Sabela. Bustamante é unha das mellores voces da música en español, e traerá a súa xira “Veinte años y un destino” ata o Parque do Pasatempo de Betanzos, nun espectáculo no que repasará os seus máis de 20 anos de carreira. Ninguén canta ao amor como Bustamante, cunha dilatada, consolidada e frutífera traxectoria musical, 19 discos de platino, varios discos de ouro e máis de 1.000 concertos, que avalan a súa carreira musical e convérteno nun dos artistas máis importantes do país. Mentres tanto, Sabela é unha das caras visibles desta nova onda de pop electrónico que triunfa no panorama musical actual. Coas súas tinguiduras animadas e bailables, Sabela eleva a súa música a un aspecto máis eufórico, converténdose no gran alicerce deste xénero en Galicia. A artista ven de estrear o seu novo sinxelo “Hi, My Love”, co que pretende revolucionar o pop electrónico galego. Tamén se atopa presentando a súa xira baixo o nome de “Hi, My Love Part”, que despois de conquistar algunhas das grandes cidades do país como Madrid, Barcelona, Valencia, Sevilla, Valladolid, Jaén ou Oviedo, continúa por terras galegas, con concertos este verán no Náutico de San Vicente e no festival SonRías Baixas. Cara finais de ano e comezos do 2025, Sabela seguirá presentando o seu novo traballo por algunhas das salas máis importantes de Galicia.
O festival xorde como unha iniciativa para traer a artistas de primeiro nivel a un parque histórico, poñendo en valor a súa categoría de Ben de Interese Cultural. O espazo é un tesouro agochado da historia galega, construído no século XIX polos indianos da zona. A día de hoxe segue sendo un elemento impresionante en vías de restauración, polo que o evento, dende a liña gráfica creada por Rei Zentolo ata as actividades e comunicación do mesmo, tamén visibilizará os procesos de resignificación dun dos espazos máis históricos e culturais da contorna. O Festival do Pasatempo de Betanzos é un festival promovido pola promotora PlayPlan, artífice de festivais como o SonRías Baixas ou das carreiras artísticas de Tanxugueiras ou Caamaño&Ameixeiras entre moitos outros. Ademais, conta co patrocinio da Axencia Turismo de Galicia, Xunta de Galicia e Xacobeo e coa colaboración da Deputación da Coruña e o Concello de Betanzos.