“Queremos que este disco sexa un vivo reflexo do marabillosa que foi esta aventura chamada NAO”, sinala o grupo nunha carta dirixida aos fans.
O deuvedé, editado por PlayPlan Cultural, inclúe un disco de agasallo nomeado Apocalipse NAO, unha tríade de pezas documentais que contén material inédito da banda e de persoas achegadas á formación logo do seu derradeiro concerto en Amio.
Adeus e grazas pódese adquirir desde hoxe a través da páxina web de Inquedanzas Sonoras e a partir do mércores 9 nos seus puntos de venda habituais.
Este luns cúmprese o primeiro aniversario do derradeiro concerto ao vivo dunha das bandas de referencia da historia do rock galego: NAO. Co gallo desta efeméride, a banda publica hoxe, da man de PlayPlan Cultural, o DVD Adeus e grazas, un traballo que recolle a que foi a última actuación ao vivo do grupo, celebrada o 7 de decembro no recinto feiral de Amio, en Santiago de Compostela.
“Non hai mal que cen anos dure, coma non hai morte que o recordo non reviva. Aquí tendes o noso traballo póstumo, o derradeiro”, avanza a banda nun comunicado dirixido aos fans, a quen agradecen a súa confianza. “Grazas por ser, estar, loitar e amar”, sinalan os membros de NAO na misiva que se publica hoxe.
“Agardamos que dentro dos vosos corazóns o lume siga vivo, nos nosos aínda non se apagou”, destaca a o grupo, que quere que este “DVD sexa un vivo reflexo do marabillosa que foi esta aventura”. A este respecto, o deuvedé Adeus e grazas inclúe un segundo disco, Apocalipse NAO , cunha tríade de pezas audiovisuais sobre a historia da banda nos seus case 15 anos de traxectoria sobre o escenario, ademais de material inédito gravado após da súa despedida e que se poderá ver, por vez primeira, desde hoxe.
“Esta é a nosa historia, contada por nós”, salientan Jasper, Gus, Torroncho e Amós, que no derradeiro capítulo da recompilación documental, nomeado Apocalipse NAO I, dan conta do que significou o grupo para eles. “Queremos que este DVD deixe constancia do amor, do respecto e da unión”, apuntan. Este nova peza audiovisual recolle tamén unha serie de conversas con persoas achegadas formación e que compartiron as súas vivencias coa banda nestes anos falan do que supuxo o derradeiro concerto de NAO e do que supuxo a súa música para eles.
Puntos de venda
O dobre DVD publicado por Nao e PlayPlan Cultural pódese adquirir a través da páxina web www.inquedanzas.com por 19,90€ (gastos de envío non incluídos). A partir do mércores 9 de decembro tamén estará dispoñible nos puntos habituais de venda de Inquedanzas Sonoras en A Coruña, Allariz, Cangas, Carballiño, Foz, Lugo, Melide, Moaña, Ponteareas, Pontevedra, Redondela, Salceda de Caselas, Santiago de Compostela, Tui e Vigo