PlayPlan Cultural é unha das 11 empresas apoiadas mediante esta convocatoria.
LaMontagne & PicoAmperio, Tanxugueiras, García Mc & Nación Quilombo, SonDaRúa ou Pakolas figuran nos proxectos subvencionados.
Esta convocatoria do Hub Audiovisual da Industria Cultural supón unha inxeccción económica sen precedentes no sector como achega directa ás carreiras musicais de solistas e bandas.
A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades acaba de publicar a adxudicación da súa convocatoria de axudas ao talento musical galego, a través da que inviste máis dun millón de euros na promoción e difusión de 29 artistas e grupos musicais da man das súas 11 empresas promotoras.
Enmarcada nas medidas que a Xunta de Galicia está a desenvolver a través do seu Hub Audiovisual da Industria Cultural, esta convocatoria para a promoción e difusión de proxectos musicais profesionais supón un salto cuantitativo e cualitativo respecto a anteriores axudas específicas para o sector musical, dirixidas maioritariamente á organización de festivais e concertos e á produción discográfica. Desta volta, contribúese directamente á promoción dos artistas en diferentes fases, que van desde a análise e implementación de ferramentas para o desenvolvemento do talento musical ata a internacionalización, pasando pola súa introdución e consolidación no seo da industria.
A apertura desta vía de apoio por parte da Xunta foi o resultado dun proceso de diálogo coa Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM), colectivo que agrupa as principais compañías de management e axencias artísticas galegas, co obxectivo de apoiar toda a cadea de valor que permite o impulso das carreiras musicais.
A súa convocatoria materializouse como unha das liñas de acción deseñadas para o sector musical no marco do Hub Audiovisual da Industria Cultural, un programa extraordinario que suporá unha inxección económica de 9,6 millóns de euros nas industrias culturais e creativas galegas ata 2023.
Este investimento estase a executar través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) dentro do Eixo REACT-UE do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da covid-19.