A AGRUPACIÓN DE POST-PUNK E ROCK TOCARÁ ENTRE OUTUBRO E NOVEMBRO DESTE ANO EN LUGO, CAMBADOS, VIGO, A CORUÑA, BOIRO E SANTIAGO
AS ENTRADAS ESTÁN XA Á VENDA POR 18€, GASTOS DE XESTIÓN INCLUÍDOS, EN ENTERTICKET.ES E NA SÚA PÁXINA WEB

Galicia recibe unha nova xira estatal co anuncio de novas actuacións por parte da banda vasca Belako. Tras tres anos dende a saída do seu último álbum “Sigo Regando”, o grupo de post-punk e rock volta co anuncio dun novo disco que verá a luz sen adiantos o próximo 2 de outubro, e acaba de confirmar seis concertos de presentación do mesmo en Lugo, Cambados, Vigo, A Coruña, Boiro e Santiago, englobados nunha extensa xira que os levará por salas e festivais de todo o estado español, así como por países como México ou Alemaña, en máis de 30 shows confirmados polo momento.
O tour en terras galegas dará comezo no Club Clavicémbalo (Lugo) o xoves 29 de outubro, continuando a súa andaina na sala Krazzy Kray (Cambados) o venres 30 de outubro e na sala MasterClub (Vigo) o sábado 31 de outubro. Unha semana máis tarde, a banda tocará na sala Garufa Club (A Coruña) o venres 6 de novembro e na Pousada da Galiza Imaxinaria (Boiro) o sábado 7 de novembro, para rematar este roteiro na sala Capitol (Santiago de Compostela) o domingo 8 de novembro.
As entradas para esta xira está xa á venda por 18€, gastos de xestión incluídos, en enterticket.es e na súa páxina web belakoband.com.

MÁIS SOBRE BELAKO
Belako é unha das bandas máis respectadas e queridas pola escena independente do país, así como unha das agrupacións con maior traxectoria internacional. Entre os seus múltiplos recoñecementos destacan 6 Premios MIN, entre eles o do “Artista del Año”, así como prestixiosos galardóns como El Ojo Crítico ou o Premio a Artista Revelación entregado pola revista Rolling Stone.
A banda destaca por un directo explosivo que veñen de defender en máis de 500 concertos, movéndose entre os escenarios alternativos ata escenarios de renome como o festival Primavera Sound de Barcelona. A proxección internacional da banda levounos a xirar en diferentes salas e festivais de países como Gran Bretaña, Rusia, Xapón ou Estados Unidos, así como a ser teloneiros e compartir escenarios con artistas de renome como Queens of the Stone Age, Liam Gallagher ou Crystal Fighters.