ESTE NOVO TEMA DESTACA O SENTIMENTO CELESTE E ASPIRA A SER UN CÁNTICO NAS BANCADAS DE BALAÍDOS

As bancadas e inmediacións de Balaídos contan dende hoxe cunha nova canción para corear en previas e partidos. Afouteza é o novo sinxelo da banda morracense Quinkillada, que pon música ao sentimento da afección celeste. Un tema divertido e bailable que xorde do sentimento fondamente celtista da banda, e que aspira a acompañar ao equipo como canción dos seareiros.
Afouteza nace na celebración do aniversario de voda de Iago Aspas, onde tocaron algúns dos membros da banda. Das conversas que se sucederon ese día destacaron a necesidade de ter cancións divertidas e bailables para acompañar á afección celeste nos seus partidos. Desta maneira xorde este sinxelo da banda, que se pretende alonxar da epicidade e institucionalidade dos himnos oficiais, enfocando o sentimento cara eses afeccionados que senten o Celta como seu e ao que lle instan a dalo todo na súa letra. Un “himno da afección” coreable, cantable e bailable que pretende chegar ás bancadas do estadio. Desta maneira, Quinkillada pon en valor o seu sentimento celtista, á par que pretende dar voz a todos os seareiros do equipo vigués.
Este tema ve a luz unha semana antes do seu seguinte lanzamento musical, unha colaboración con dúas grandes bandas galegas como Grande Amore e Capital Voskov que recibirá o título de “Derradeira Canción”. Desta maneira, a banda comeza os adiantos do seu novo traballo, coa vista posta nun 2026 no que seguirán a levar a súa música por todas partes e a facer dos seus concertos unha celebración coa alma da festa galega ben presente.
