PAKOLAS
“Cores, Contos e Rock´n´Roll coa Ramona pequena”. Pakolas e Laura Romero
Paco Cerdeira (Músico, Compositor e Produtor) leva adicándose ao público infantil dende xa fai mais de 15 anos, comezando os seus pasos como membro de Mamá Cabra (grupo de música didáctica infantil en galego), do que participou nos seus traballos durante mais de 10 anos continuadamente, sendo eixo principal dos espectáculos desenvolvidos en coles, teatros, auditorios, librerías, bibliotecas, feiras do libro, etc.
No ano 2014, dada a súa longa traxectoria, decide formar a súa propia banda de música infantil, e nace así A Gramola Gominola, editando así o seu primeiro traballo en Libro-Cd como Autor en Marzo de 2015, “A Gramola Gominola” (Editorial Galaxia- Sonárbore). Crea cancións para un proxecto musical totalmente diferente ao visto ata ese momento, tendo como eixe central o Rock and Roll, sendo unha proposta didáctica para os máis cativos da casa. No ano 2017 edítase o segundo libro-disco “Cancións para desafinar” seguindo a mesma liña, e no 2019 sae á luz o terceiro traballo da banda, “Bravas. O rexurdir da luz”, todos coa Ed. Galaxia. Ademais da formidable aceptación do público, acadan o Premio Martín Códax da Música 2018 ao mellor grupo de música infantil
O seu proxecto máis persoal, Pakolas, nace a finais de 2015, no que segue a compoñer para a cativada con letras e composicións propias. O seu primeiro traballo en solitario, “Pakolas” (2017), é un libro-disco publicado pola Ed. Galaxia, que conta co respaldo do Colexio Profesional de Logopedas de Galicia. En agosto de 2020 sae editado o seu segundo traballo en solitario, “Ramona Órbita, a dona do tempo” (Ed. Galaxia). Axiña agota a súa primeira edición, tan só cinco meses despois da súa estrea. En Xaneiro de 2021 sae do prelo a segunda edición ata a cuarta edición en setembro de 2022, con mais de 2.000 exemplares vendidos. Neste novo libro conta e canta a ritmo moi rockeiro a historia de Ramona Órbita, unha muller labrega da Serra do Courel que posúe unha horta cibernética con patacas automáticas , e ademais ten unha máquina do tempo, coa que viaxa ao futuro e ao pasado na procura de tecnoloxía para crear un mundo mellor, mais ecolóxico e con enerxías limpas.
En 2023 sairá editado o seu terceiro traballo en solitario, “A Ramona Pequena vai á lúa” (Ed. Galaxia), unha nova entrega das historias da súa labrega inventora favorita, e desta volta a máquina do tempo lévanos á súa infancia. Corría o ano 1967 no Courel e Ramona contaba con 6 aniños. Era unha nena movida por constantes inquedanzas, cunha mente esperta e imaxinativa. Adoraba perderse entre as páxinas de Xulio Verne, sobre todo un que lle espertaba a mais grande das curiosidades, “Da terra á lúa”. A Lúa era para ela unha fonte imparable de preguntas sen resposta: que tipo de leiras habería nela? Poderíase cultivar na súa superficie? Habería auga? Viviría alguén aí? Saberían, ou polo menos entenderían o galego? Sería mais grande que o Sol?
Laura Romero
Laura Romero é licenciada en Belas Artes pola Universidade. de Salamanca. O seu traballo abrangue a ilustración artística e comercial combinada co deseño gráfico. O seu primeiro traballo editorial para nenos e nenas é o conxunto de ilustracións que dan cor ó libro-CD de Pakolas, e tamén ilustra a “Ramona Órbita”, o segundo libro de Pakolas. Impartiu obradoiros artísticos como voluntaria en Aldeas Infantiles no 2015 e no centro Down Compostela no 2016. No 2017, paralelamente ó traballo do proxecto Pakolas, organizou e impartiu obradoiros de libro ilustrado en colexios para alumnado de Educación Infantil e Primaria. No ano 2018 comeza a xirar con Pakolas no espectáculo “Cores, contos e rock”
Sinopse
“Cores, Contos e Rock´n´Roll coa Ramona pequena” chega da man de Pakolas como un espectáculo de pequeno formato onde a interacción coas nenas e nenos, a súa música acompañada por contos e historias, e as cores e debuxos en directo de Laura Romero son o principal atractivo para o público. Esta proposta multidisciplinar crea así unha escena na que non so se pode gozar da música, senón tamén do debuxo e as cores que a rodean. Un espectáculo para todos os sentidos.
Paco Cerdeira (Pakolas) guiaranos coa súa forza interpretativa e o seu humor por todo un universo musical, a través da súa voz e guitarra, e contando nesta ocasión co apoio de Laura Romero (ilustradora), dando unha nova dimensión visual coa creación en directo de debuxos con cores que acompañan ás cancións e contos que nelas se recollen, e axudando así a Pakolas na presentación das súas historias e personaxes. Laura Romero é a encargada de darlle vida a todas as súas personaxes, que atoparedes nos seus libros, a través das imaxes e debuxos cheos de colorido.
Pakolas e Laura preséntannos o seu próximo librodisco, que editará a colección Sonárbore na Editorial Galaxia no 2023, “A Ramona Pequena vai á lúa”, unha nova entrega das historias da súa labrega inventora favorita “Ramona Órbita, a dona do tempo”, e desta volta a máquina do tempo lévanos á súa infancia. Contamos, cantamos e debuxamos a historia da Ramona pequena. Vivimos así unha nova aventura didáctica e rockeira rebordante de imaxinación e aprendizaxe.
Corría o ano 1967 no Courel e Ramona contaba con 6 aniños. Era unha nena movida por constantes inquedanzas, cunha mente esperta e imaxinativa. Adoraba perderse entre as páxinas de Xulio Verne, “A volta ao mundo en 80 días”, “20 mil leguas de viaxe submarino”, “Viaxe ao centro da terra” e sobre todo un que lle espertaba a mais grande das curiosidades, “Da terra á lúa”, que lía unha e outra e outra vez. A Lúa era para ela unha fonte imparable de preguntas sen resposta: que tipo de leiras habería nela? Poderíase cultivar na súa superficie? Habería auga? Viviría alguén aí? Saberían, ou polo menos entenderían o galego? Sería mais grande que o Sol?
Moitas personaxes poderedes coñecer neste novo espectáculo, como a profe Lupe, que sempre escoitaba atenta as dúbidas da pequena, ou á súa amiga furona Nora, coa que consigue viaxar ata a Lúa! Con estas e outras personaxes chegaremos á fin desta viaxe, que nos ensina que a imaxinación non ten límites, a nosa cabeza é un taller de ideas onde os soños poden tornarse realidade.
Formación
Pakolas – voz e guitarra
Laura Romero – ilustracións
Discografía
2020 Ramona Órbita
2017 Pakolas