agosto, 2020

22ago22:00SonDaRúa | Presentación Eterno Combate en Mos

Detalles do evento

SonDaRúa presenta Eterno Combate, o seu novo traballo.

DATA: sábado 22 de agosto

LUGAR: Sala Rebullón, Mos.

Ciclo DIRECTOS XACOBEO’21 EN SALAS, organizado por Clubtura e patrocinados pola Xunta de Galicia

SonDaRúa

SonDaRúa, unha das bandas con maior proxección do panorama galego dos últimos anos, volve á carga con Eterno Combate (PlayPlan 2020), o seu primeiro disco de longa duración tras o lanzamento do EP Liberando mentes (2018).

O grupo, formado por Hugo Guezeta e Álex Arnoso ás voces e That Bass como DJ, plasma neste novo traballo o seu estilo, que sempre bebe da ironía, da musicalidade e a tradición oral popular galega, pero combinándoo co hip hop máis reivindicativo, de crítica social e política.

Eterno Combate, o disco

Trátase dun LP de 12 cortes no que poderemos gozar das colaboracións de Skandalo GZ, Navia Rivas e Ezetaerre. Ademais, e mantendo a liña habitual de SonDaRúa, Eterno Combate é un disco do máis ecléctico no que teñen cabida unha morea de estilos musicais; dende o rap clásico ao máis puro estilo 90’s, pasando polo ska, o rock e chegando aos sons máis característicos do reggae.

No referente á parte instumental de Eterno Combate, o maior peso da produción recaeu en Álex Arnoso, membro do grupo. Sen embargo, Eterno Combate conta coa participación de distintos artistas do nivel de Peter Petrowski (Ezetaerre), un habitual nos traballos de SonDaRúa, That Bass, actual DJ da banda, quen tamén aportou o seu gran de area musical neste LP, ou Javier Vicalo, produtor da canción que dá nome ao disco nos estudos The Dub Yard. Destaca tamén o gran traballo realizado por Félix Cebreiro en Quela Records, tanto na mestura e masterización dos temas como nos arranxos musicais do disco.

Aínda que a banda non perde en ningún momento a súa esencia subversiva e reivindicativa, en Eterno Combate poderemos atopar temáticas moi diversas entre as distintas cancións que conforman o disco, así como rítmicas e instrumentais cheas de calidade e frescura.

O disco edítase baixo a discográfica de PlayPlan.

PROTOCOLO COVID-19

Máis

Organizador

PlayPlancultura@playplan.es Rúa do Santán, 3, Baixo B, 36930, Bueu (Pontevedra)

X