TANXUGUEIRAS
Nova Xira en 2024
a (r)evolución da música tradicional galega
Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro son Tanxugueiras, tres cantareiras para unha nova década. Só elas son capaces de reinterpretar os sons dunha tradición milenaria fusionándoa con ritmos urbanos e electrónicos. A súa enerxía, o seu empoderamento, a súa contundencia e o seu virtuosismo vocal son os máximos expoñentes do seu innovador estilo, coñecido como trad.
O trío recolle o legado das pandeireteiras, as mulleres que traballaron por manter viva a música tradicional galega, para revisionalo e lanzarllo de novo ao mundo nunha explosión de modernidade, contando cun estilo épico e unha forza ancestral que xa as fixo triunfar en escenarios de varios países.
Aválanas éxitos como Midas, Figa, Averno (colaboración con Rayden), Pano Corado, Aire ou Terra (single de ouro), tema co que se alzaron como favoritas do público no Benidorm Fest. Grande parte destes éxitos figuran no seu último disco, Diluvio, que presentaron no 2023 nun potentísimo show, a Xira Midas, con máis de 120 datas realizadas por todo o estado, e que rematou o 16 de decembro no Coliseum da Coruña cun show propio co que acadaron o fito histórico de ser as primeiras artistas en galego en encher o maior recinto pechado de concertos do noroeste do estado, vendendo máis de 5.000 entradas en só 24 horas.
Tras o éxito do seu álbum Diluvio, que acumula xa máis de 60 millóns de reproducións en todas as plataformas dixitais e alcanzou o número 1 de vendas en tendas físicas a semana do seu lanzamento, quedando por encima de nomes como Beyoncé ou Harry Styles, Tanxugueiras estrearon en maio de 2023 un novo single Aire contando coa produción de Lowlight, en agosto Més Fort, unha versión en catalán do tema Stronger de Kelly Clarkson incluido no recopilatorio de La Marató de 2022 de TV3 e Catalunya Ràdio, en setembro colaboraron con Ruth Lorenzo en Reina, remix do seu novo single La Reina, en novembro publicaron As que tiña que estar, a tan esperada colaboración con Juancho Marqués, e en decembro culminaron o ano publicando Hoxe, mañá e sempre, a súa emotiva colaboración con Valeria Castro.
Tanxugueiras encara o 2024 coa preparación de máis singles e preparando un novo show e unha nova xira que arrancará a principios de ano, cun directo máis dinámico que pasará por grandes festivais da Península, onde mostrarán os seus grandes éxitos e novos temas que verán a luz antes de que remate o ano. Desta forma, seguen amosando unha vez máis a súa continua exploración de novos retos e posibilidades sonoras nos seus temas e nos seus directos.
Son o son dun pobo internacionalizado. Son a cultura tradicional na pista de baile. Son todos os mundos nun só. Porque para Tanxugueiras “non hai fronteiras”