The Son of Wood

RAGER

O berro por un futuro prometedor

Rager é a voz das xeracións futuras. Coa súa mestura visceral do rock e o punk coa electrónica, a banda galega emerxe como unha das figuras máis prometedoras do panorama musical actual. Con rabia, reivindicación e enerxía, a banda érguese como estandarte das novas xeracións cun discurso e idioma propio que busca dar de que falar e escoitar a quen se atreva. Combatividade, identidade e guitarras para alzar a voz dende o inconformismo, aportando e enriquecendo unha escena  emerxente con tendencia ao urbano e cada vez máis lonxe dos riffs, os berros e a mentalidade crítica.

Nacida en 2022, a banda dá os seus primeiros pasos cunha firmeza que rápido as posiciona como unha das grandes figuras da nova fornada de promesas da música en galego, chamando a atención de estandartes como Xurxo Souto, lenda do rock bravú galego, co que colaboraron participando no seu documental Bravú XXX.

Con xa numerosos concertos por Galicia ás súas costas, saltando incluso a fronteira ata Portugal, a banda encara un 2026 no que pisarán varios dos festivais máis importantes de Galicia, compartindo cartel e escenario con artistas estatais e internacionais. Desta maneira, chegan para amosar que con personalidade e dende as marxes tamén se pode desenvolver unha carreira musical, recollendo ese futuro prometedor para convertelo nunha realidade. A agrupación está a traballar no estudo para que este ano poida ver a luz o seu primeiro traballo discográfico.