QUINKILLADA
A alma da festa galega feita banda
Transitando xéneros como a cumbia, o rock, o ska e os ritmos máis bailables, Quinkillada é o grupo que sintetiza a alma da festa galega. Combinando nas súas composicións tons festivos, populares e reivindicativos, a banda constrúe o seu legado a base de músicas enérxicas, auténticas e, sobre todo, bailables. Dende os torreiros das festas máis populares ás tarimas das salas e festivais máis importantes, Quinkillada é capaz de transformar calquera contexto nunha pista de baile.
Cunha carreira meteórica ás costas, a banda morracense xa conta con máis dun centenar de concertos no seu haber, levando o seu bo rollo a grandes festivais galegos como OurenSound, Festival de la Luz, Castañazo ou Armadiña Rock. A súa música chegou tamén ás grandes salas de concertos do estado, con actuacións nas míticas Razzmatazz de Barcelona ou Capitol de Santiago de Compostela.
Con xa tres discos publicados, acumulando centos de milleiros de reproducións en plataformas, a banda traballa en novos horizontes aos que levar a súa festa de guitarras, ventos e diversión. A verbena galega busca expandirse e chegar a todas partes envolta na súa música.