
DUBIOZA KOLEKTIV
Músicas do mundo dende Bosnia-Herzegovina
Dubioza Kolektiv naceu en 2003 en Bosnia Herzegovina. Os seus integrantes querían transmitir coa súa música a complexidade da sociedade bosnia e explicarlle ao resto do mundo que a vida nos Balcáns vai máis aló dos estereotipos que mostraban os medios. Para conseguilo crearon unha particularísima -e delirante- combinación de ska, punk, reggae, dub e folclore bosnio. Con ela, conseguiron converterse nunha das bandas máis populares da Europa do Leste, líderes na loita social para o cambio desde os escenarios.
Tal e como predican, se o que buscas son mulleres floreiro e raperos con pose de tíos duros, non o atoparás entre os Dubioza. Pola contra, gozarás cuns músicos extraordinarios que extraen dos sons tradicionais unha perspectiva única, moldeada por unha guerra que cambiou as súas vidas e traballada cun nivel de positividade que sentirás como unha onda de auga fresca.
Formación
Ralmir Hasanbegović: voz
Adis Zvekić: voz
Brano Jakubović: teclados/sampler
Vedran Mujagić: baixo
Senad Šuta: batería
Mario Ševarac: saxo
Jernej Šavel: guitarra