GORAN BREGOVIC

O músico serbio Goran Bregovic segue coa súa particular odisea balcánica recuperando, xunto á súa inseparable Orquestra de Vodas e Funerais, a música dos xitanos. Os seus dous últimos discos, “Alkohol” e “Champagne For Gypsies”, fan especial fincapé no seu carácter festivo, intrinsecamente unido á celebración. E aínda que os títulos mencionen a bebida como algo indisoluble á festa, é o propio autor quen especifica que a súa música é igualmente apta para os abstemios. É algo que debe de ter moi claro quen puidese asistir a algunha das súas visitas anteriores. E é que, parafraseando o título dun dos seus temas máis trepidantes, “Gas, gas”, o motor da súa máquina de ritmo funciona sempre co acelerador a fondo.

Toda unha icona

Desde que debutou ao grande coa banda sonora da película “O tempo dos xitanos” de Emir Kusturica, o compositor serbio converteuse nunha icona. Os mellores auditorios de todo o mundo foron testemuñas das súas explosivas actuacións. É un potente destilado no que sintetiza e amálgama as diferentes formas folclóricas do leste de Europa. Así, na súa orquestra hai voces búlgaras, fanfarria de metais e o indispensable bombo, todos unidos para reflectir o mellor dos sons tradicionais baixo o electrizante prisma que impón o director coa súa guitarra e os seus arranxos.

Vindeiros concertos de Goran Bregovic